Podemos Nigrán propón o concerto do Día das Letras Galegas e os plenos vía streaming

Dende Podemos Nigrán queren facer ver a súa preocupación pola conmemoración e festexo do Día Das Letras Galegas organizada polo Concello de Nigrán ao considerala un total despropósito dada a situación crítica do municipio. Esta, celebrarase o vindeiro sábado no Auditorio Municipal cun concerto, poñendo en risco unha posible ola de contaxios locais facendo caso omiso as restricións pautadas polo Ministerio de Sanidade e repetindo o monumental erro da gala do diario El Español, tan en boca estes últimos días.

Por isto, aínda que apoian calquera evento cultural no Concello, consideran que nestes intres, nos que sectores coma a hostalería local están sufrindo un terrible pau a causa das medidas de seguridade, deberían dar exemplo e mostrar un mínimo apoio que permita frear a curva de contaxios e reverter por fin unha situación de por si crítica. Consideran que o máis adecuado no momento actual sería retransmitir o concerto vía streaming, e así toda veciñanza o desfrutaría sen correr ningún risco.

Tamén queren recordarlle á corporación a petición que fixeron no anterior Estado de Alarma de retransmitir os plenos do mesmo xeito, demostrando boa vontade e transparencia.