O goberno decreta o estado de alarma e solicitará estendelo 6 meses

O Consello de Ministros decretou este domingo o estado de alarma para facer fronte á pandemia do Covid-19. Esta semana solicitará ao Congreso a súa extensión por un período de 6 meses. Se a situación epidemiolóxica mellora, podería levantarse antes.

Estas son as principais medidas:

  • As autoridades delegadas serán os presidentes e presidentas dos gobernos autonómicos. O órgano de cooperación e cogobernanza será o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde onde están representados o Ministerio de Sanidade e CC.AA.
  • Limítase a liberdade de circulación das persoas desde as 23:00 horas ata as 6:00 horas. Só poderase circular polas causas xustificadas establecidas na norma. A medida é de aplicación para toda España, salvo Canarias. As CC.AA. poderán modular a hora de inicio e finalización desta limitación, entre as 22 horas e 00:00 horas e entre as 5:00 e 7:00 horas.
  • As autonomías poderán limitar tamén a entrada e saída dos seus territorios, en todo ou en parte. É dicir, poderán confinar o territorio completo da súa comunidade ou decidir o confinamento dun ámbito territorial inferior. Esta restrición de entrada e saída de persoas terá excepcións como a asistencia a centros sanitarios, centros educativos, cumprimento de obrigacións profesionais ou laborais, etc.
  • De igual forma, as comunidades autónomas decidirán limitar a permanencia de persoas en espazos públicos ou privados a un número máximo de 6 persoas, salvo no caso de conviventes (en Galicia a limitación é de 5 persoas).

As medidas adoptadas dependerán da situación de cada territorio.