Baiona informa da apertura do prazo de inscrición para os campamentos de verán da Xunta

O Concello de Baiona informa, a través do Departamento de Xuventude, de que xa está aberto o prazo de presentación de solicitudes dos Campamentos de Verán 2023, destinados a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 9 e os 17 anos. Os campamentos desenvolveranse tanto en Galicia como fóra de Galicia, e se contemplan descontos no prezo, tanto para os posuidores do Carné Xove, como para as familias numerosas ou monoparentais. Así mesmo, se contemplan quendas de inclusión para a mocidade con discapacidade.

O prazo de solicitudes está aberto ata o 2 de maio inclusive, e as solicitudes deben presentarse obrigatoriamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Os formularios de solicitude están dispoñibles na sede electrónica dende hoxe, 18 de abril, o día de apertura do prazo de presentación. Os campamentos están organizados pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Xuventude. Máis información na seguinte ligazón.