A Biblioteca do Álvaro Cunqueiro protagoniza unha campaña nacional no Día das Bibiliotecas

A Biblioteca do Hospital Álvaro Cunqueiro foi unha das dúas seleccionadas polo Ministerio de Cultura e Deporte -xunto coa doutra comunidade- para protagonizar a súa campaña nacional conmemorativa do Día nacional das Bibliotecas, que se celebra hoxe .

Así, a responsable da Biblioteca no Cunqueiro, Yolanda Sanmartín, e a especialista en psiquiatría Elena de las Heras participaron nun vídeo nacional para dar visibilidade a estes servizos: https://youtu.be/C6JcJyHAEr4

Segundo afirma Sanmartín “estamos moi contentos con que elixiran a nosa Biblioteca para esta campaña, e cremos que os factores que motivaron esta selección foron varios: o volume e calidade dos fondos que albergamos, a xestión dos mesmos, e a boa acollida do desenvolvemento do programa de Biblioterapia, lecturas saudables”.

13.000 volumes

As dúas Bibliotecas do Chuvi, emprazadas no Cunqueiro e Meixoeiro, albergan 12.895 volumes, ademais de revistas científicas catalogadas desde o ano 1975. A do Meixoeiro tamén acolle e xestiona os fondos do Hospital Nicolás Peña, a maioría especializados en Psiquiatría e Psicoloxía, e moitos deles auténticas xoias de considerable antigüidade.

Durante o ano pasado rexistráronse 6.500 peticións de consultas, tanto a demanda do persoal sanitario da área de Vigo como doutros lugares de Galicia e de España. “Este ano, como é normal, un número importante das publicacións científicas solicitadas estaban relacionadas coa investigación en torno ao Covid19”, afirma Yolanda Sanmartin.

Estas Bibliotecas contan con puntos de lectura presencial e cun catálogo dixital aberto que permite a interconexión con bibliotecas de todos os hospitais de Galicia e de España, así como coas principais bibliotecas no hospitalarias do país.

2600 publicacións do persoal da Área Sanitaria

Dispoñen dunha ferramenta informática, “Sophos”, que permite coñecer a produción científica dos profesionais do Sergas. Así, catalóganse e inclúense nas bases de datos todas as publicacións de relevancia que se producen na Área Sanitaria de Vigo.

Nos últimos anos incluíronse, mediante esta ferramenta, 2.600 publicacións ou comunicacións realizadas polos profesionais da Área viguesa, tanto de atención hospitalaria como de primaria. “Neste sistema introducimos os artigos, publicacións, ou comunicacións que teñen unha repercusión importante e que se atopan nas bases de datos nacionais e internacionais. Esta aplicación permítenos consultar as referencias dos artigos, comprobar os impactos dos mesmos, e coñecer o nivel de produción de cada autor e cada servizo sanitario”, explica Sanmartín.

A lectura, apoio terapéutico

En relación co Programa “Biblioterapia, lecturas saudables”, é unha iniciativa da Consellería de Sanidade que vense desenvolvendo no Álvaro Cunqueiro desde hai case dous anos. Parte dunha premisa, a consideración do uso do libro e a lectura en si mesma como método terapéutico na abordaxe dos diferentes trastornos mentais e as causas que os producen.

O programa, que lévase a cabo a través do sistema de préstamos dos libros, vai dirixido tanto ao persoal como aos pacientes e os seus familiares. Consta de142 títulos de temática moi variada e que reflicten situacións concretas. Desde os problemas de ansiedade ata as relacións tóxicas de parella, pasando polos trastornos do sono ou o afrontamento e xestión da dor, da toma de decisións ou das emocións negativas.

Os especialistas galegos en saúde mental , entre eles Elena de las Heras, elaboraron unha guía cunha serie de propostas e recomendacións que serán de utilidade ao profesional sanitario para que, no contexto da súa consulta, poida “prescribir” un determinado libro a un paciente con trastorno mental. A través destas lecturas guiadas, a persoa non só poderá obter un coñecemento máis profundo do seu problema e unha maior confianza no manexo e na abordaxe dos seus síntomas.