Os baioneses Omar Rodríguez e David González acoden aos Campionatos de España Júnior e U23

Galicia acode aos Campionatos de España Júnior e U23 de Loitas Olímpicas, que terán lugar no Hotel Roc Doblemar na Manga do Mar Menor, en Murcia, os días 16, 17 e 18 de outubro. Entre os deportistas galegos que acudirán están os baioneses Omar Rodríguez e David González, do Club de Loita Sabarís.

A Federación Galega de Loita e D.A. en consenso cos Clubs Galegos e os seleccionadores, acudirá cun número moi reducido de deportistas, debido a dúas razóns fundamentais: o risco que conleva a participación pola pandemia sanitaria provocada polo COVID 19 e porque moitos dos deportistas Galegos, a día de hoxe, non puideron comezar cos adestramentos, debido á non apertura de moitas instalacións deportivas.

A formulación dos organizadores sobre o papel parece un acerto, xa que se vai a pechar un hotel para albergar as diferentes competicións: Libre Olímpica, Libre Feminina e Grecorromana, dos grupos de idade júnior e U23. Todos os competidores teñen que presentar un test negativo antes de viaxar a Murcia, para poder participar.

As medidas de seguridade serán extremas, co confinamento dos deportistas nas súas habitacións. Só permitirán saír aos deportistas, acceder á zona de quecemento 30 minutos antes do momento da súa competición. Os accesos estarán diferenciados, do mesmo xeito que as zonas de quecemento. O uso de máscara será obrigatorio en todo momento excepto durante os combates.

Nesta ocasión será complicado que Galicia defenda os bos resultados de anos anteriores. “Nestes momentos, a principal preocupación é a sanitaria e comezar coa actividade nos Clubs. A competición é secundaria”, afirma Jose Luis Olazabal, presidente de FEGALOITA. “Participar nun Campionato de España con deportistas que levan 6 meses e medio sen adestrar é unha irresponsabilidade. Só convocamos a deportistas que puidesen adestrar en tapiz e cos test negativos de COVID-19. É como dar un pistoletazo de saída á nova tempada deportiva: comezar coa competición non é o mellor modo, pero as circunstancias ditaron este comezo”, afirma Pablo Pintos, Director Técnico.