
A Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (OVALMI), en colaboración coa Concellería de Comercio do Concello de Gondomar, organiza do 16 ao 19 de maio a 7ª Edición Festa da Empanada. Foi presentada este martes nun acto no que estiveron presentes José Luis Froiz Espiño, presidente de OVALMI, José Ángel González Goce, vicepresidente de OVALMI, Paco Ferreira, alcalde de Gondomar, e Jose Manuel Chamorro, membro do goberno municipal, ademais de representantes do Restaurante Casa Soleiro, a Tapería A Galiña e a Bocatería A Bocados, participantes nesta edición.
Este ano participarán 12 establecementos hostaleiros de Gondomar, que enxalzan esta delicia culinaria tan arraigada na tradición de Galicia, convidándonos a facer un percorrido gastronómico no que poderemos degustar diferentes especialidades de empanada, por exemplo de longueiróns, arroz con choco, mariñeira, de orella, de pisto manchego con zamburiñas ou de millo con mexillóns e chourizo, a un prezo por ración de 2,50 euros. As persoas que se acheguen a probar estas deliciosas receitas, poderán votar e elixir á “Mellor Empanada 2019”, a través das papeletas que se poderán atopar en todos os establecementos participantes e as cales deberán ser depositadas, unha vez cubertas correctamente, nas urnas dispostas para tal efecto.
O premio que se sorteará entre todos os votantes, grazas ao patrocinio de Viaxes Val Miñor en Sabarís, será unha escapada termal para dúas persoas no Hotel Spa Vila de Allariz 4* (Allariz – Ourense) con aloxamento e almorzo, incluíndo 1 sesión (2 horas ininterrompidas) de circuíto termal por persoa. Desde OVALMI animan a visitar Gondomar e degustar as deliciosas empanadas preparadas por grandes hostaleiros.
Os establecementos participantes son Cafetería Píntega, Restaurante Pazo da Escola (Mañufe), Jamonería Tapería Bastión, Restaurante La Vitrola, Bar Couso, Tapería A Galiña, Cafetería Alameda, Café Bar Estanco, Bocatería A Bocados, Restaurante Casa Soleiro (Mañufe), Tapería Café As Novas Torres e A Bodega do San Xoán.