O Concello de Baiona e ACEBA suspenden a quinta edición de “Sons do Casco”

O Concello de Baiona e a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona decidiron suspender a quinta edición de “Sons do Casco” tras a entrada en vigor da restrición publicada pola Xunta de Galicia que limita a 10 os grupos de persoas. En concreto a medida recolle: “(…) limitar os grupos para o desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social na vía pública, espazos de uso público ou espazos privados a un máximo de dez persoas, (…)”.

Este roteiro musical que se ía a celebrar durante toda a fin de semana, 16, 17 e 18 de outubro, traía consigo un programa repleto de música en directo no que participarían un total de 16 grupos musicais con diferentes estilos, co obxectivo fundamental de dinamizar e desestacionalizar a oferta cultural e de lecer baionesa. As actuacións ían celebrarse en cinco escenarios distintos situados na Praza do Concello, a Praza de Santa Liberata, a Alameda Carabela Pinta, na intersección das rúas Carabela Pinta e Cidade de Vigo e no Parque da Palma.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, lamenta que o evento non se poida celebrar. “É unha pena que non se poida celebrar esta quinta edición de Sons do Casco con todo o traballo que hai detrás da súa programación e apenas a unhas horas de iniciarse. Pero debemos ser prudentes ante a evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 e tomar as medidas de prevención pertinentes”.

Do mesmo xeito, o rexedor comprometeuse “a recuperar o evento cando a situación epidemiolóxica mellore xa que con iniciativas como estas queremos participar na reactivación económica do municipio. Queremos que non se perda o emprego, que non se perdan negocios. Queremos axudar á hostalería e aos comerciantes baioneses. Desde o Concello tamén queremos agradecer o labor e o traballo que se fai desde a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA), coa que organizamos esta atractiva programación para atraer xente a Baiona”, conclúe o Alcalde.