O Pleno de Gondomar aproba por unanimidade unha moción do BNG pola prevención da ludopatía

O retraso por parte do goberno de Feijóo na modificación desta lei do xogo de Galicia propiciou a proliferación das casas de apostas, das salas de xogo e a instalación das máquinas comecartos e de apostas en bares e cafeterías. “O goberno galego vai tarde a tramitación dunha nova lei e tamén chegou tarde a orde coa moratoria na apertura de novas salas, tendo actualmente autorizadas na Galicia 41 casas de apostas e 118 salas de xogo, unha delas de recente apertura no noso concello” lamenta Manuela Rodríguez, voceira do BNG en Gondomar.

O negocio do xogo manexa unhas cifras de negocio de moitos millóns de euros, tamén nos Orzamentos Xerais do Estado figuran unhas cifras millonarias nas previsións de ingresos de tributos sobre o xogo. Mais a carón deste negocio xorden cifras que deben de alarmarnos: na Galicia, hai un salón de apostas por cada 17.000 habitantes; a idade media de inicio das persoas que acoden a pedir axuda por ludopatía é de 18,2 anos, o que significa que hai moitísimos mozos e mozas que comezaron a xogar sendo menores de idade; no 2010 xogaba online un 1,5 das persoas adolescentes, mentres que no 2014 xa o facía o 9%; nos xogos de tipo presencial o gasto da poboación galega aumentou un 27% (de 1.100M€ en 2014 a máis de 1.400M€ en 2017).

Segundo o estudio “Menores e xogo na comunidade galega”, realizado durante o primeiro semestre do ano 2019 por un equipo da USC, case un de cada catro adolescentes galegos menores de 18 anos apostaron algunha vez na súa vida, e que un 8% de menores recoñecen que apostaron durante o transcurso do último mes do estudo, o que revela que é unha práctica relativamente habitual para cerca de 10.000 menores en Galicia. Tamén recolle que un 22,6 % apostou de forma presencial e o 7,1% a través da internet, dato que evidencia que apostan o triplo de menores de maneira presencial que online.

Unha das principais razóns destes datos é a consagración do xogo como unha alternativa de ocio feita a través da normalización do xogo na publicidade que anima a apostar nun sistema de xogo moito máis aditivo, sen pausas, con bonos “de balde” de entrada, e que detrás das apostas deportivas leva a outras como póker, casinos e bingos virtuais. “Os locais de apostas supoñen un risco para a nosa veciñanza, sobre todo para os máis novos”, apunta a voceira do BNG, “e teñen un efecto devastador na vida das persoas: adicción, endebedamento, illamento, desestabilización de familias, problemas académicos, laborais, económicos, afectivos, sociais e/ou legais asociados á dependencia”.

Coa aprobación da proposta do BNG o Pleno de Gondomar acordou por unanimidade levar adiante as seguintes medidas de protección e prevención da ludopatía:

  • Instar a Xunta de Galicia a consensuar, con urxencia, unha nova Lei do Xogo de acordo cos grupos políticos presentes no Parlamento galego e coas entidades que traballan na rehabilitación de persoas con adiccións sen substancia e ludopatías.
  • Instar a Xunta de Galicia a considerar as asociacións específicas dedicadas á rehabilitación a persoas con adiccións sen substancia e ludopatías como centros de referencia de tratamento que permitan a detección e derivación temperá por parte dos facultativos e outras/os profesionais a estas entidades.
  • Estudar vías de colaboración entre as administracións e as forzas de seguridade, tamén a nivel local, para que se realice un maior control e supervisión das persoas que entran nos salóns de xogos, casas de apostas ou outros tipo de instalacións habilitadas para xogos ou apostas co fin de facer cumprir a lexislación en materia de acceso a estes lugares.
  • Prohibir a publicidade sobre apostas (tanto casas de apostas, apostas online e demais formas de xogo) en instalacións municipais e demais soportes dependentes do Concello.
  • Iniciar desde o Concello de Gondomar unha campaña para informar das consecuencias dos xogos de apostas tendo en conta o dano que causan, especialmente entre a mocidade, e como afectan á economía e á vida das persoas e da súa contorna.
  • Organizar, en colaboración coas ANPAs e as direccións dos centros de ensino e entidades especializadas, charlas e obradoiros para a prevención de ludopatías e outras adiccións sen substancia.
  • Instar ao Goberno do Estado a reformar a Lei Xeral de Comunicación Audiovisual e a Lei Xeral de Publicidade que regule a publicidade das Casas de Apostas e se limite a publicidade destas empresas, e impulsar o Real Decreto de Comunicacións Comerciais das Actividades de Xogo e de Xogo Responsable co obxectivo de restrinxir a publicidade para xogos e apostas online.