O Concello de Nigrán, xunto ás comunidades de montes de Camos e Chandebrito, organizan este domingo 17 de marzo unha xornada de reforestación de árbores autóctonas e cultivo de shiitake no parque forestal “Os Matos-Río Táboas” (parroquias de Camos e Chandebrito) de 10:30 horas a 13:30 horas.
Así, por unha banda finalizarase a replantación destes 1.000 m2 no corazón do parque e, por outra, a Brigada Forestal Municipal e a empresa Simbiose impartirán un obradoiro gratuíto de cultivo in-situ de shiitake aberto a toda persoa que o desexe sen necesidade de inscrición previa (o punto de encontro é o coñecido como Miradoiro das Señoras, 42.147114,-8.758718). A cambio, os participantes obterán a formación necesaria para iniciarse por si mesmos na produción de cogomelos ao tempo que colaboran para que naqueles tocóns onde se inocule o micelio non rebrote o eucalipto grazas ao efecto parasitario dos cogomelos, que acaban desintegrando o tronco por completo.
“Trátase de vincular afectivamente á veciñanza coa súa contorna ao tempo que adquiren coñecementos moi útiles de cara ao autocultivo e sostibilidade nunha zona rural onde, xeralmente, dispoñen de leiras para elo”, explica o alcalde, Juan González. A inoculación e a reforestación levarase a cabo en 1.000 m² situados na intersección entre Camos e Chandebrito, espazo que o Concello comezou a repoboar con 700 árbores autóctonas adquiridas por importe de 8.000 € (sobreiras, abeleiras, bidueiros, carballos e castiñeiros).

