Nigrán consigna 2.500 € anuais á asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí

O Concello de Nigrán consigna por vez primeira na súa historia unha axuda directa de 2.500 € anuais ata o ano 2023 á asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, responsable do programa “Vacacións en Paz” no que participa o municipio e que consiste en traer a menores a Galicia para apartalos das inclemencias do verán nos campamentos de refuxiados de Arxelia e, ao mesmo tempo, recibir atención médica. O obxectivo desta nova liña estratéxica aprobada no Pleno é contribuír a proxectos de cooperación ao desenvolvemento, axuda humanitaria ou sanitaria, formación ou ao propio programa “Vacacións en Paz” suspendido este verán polo Covid-19.

“Este verán o Covid-19 impediu que os menores viñesen a España e desde o Concello consideramos que, precisamente, agora o pobo saharauí é cando máis nos precisa ao seu carón, non podemos ver para outro lado. Estes cartos que sempre destinamos a financiar os billetes de avión de tres nenos que acollen familias de Nigrán queremos que se manteñan para contribuír con axuda alimentaria e de protección nos campamentos, onde a precisan máis que nunca”, explicou o alcalde de Nigrán, Juan González, quen preside ademais o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade que tamén colabora co pobo saharauí. “Agardamos que os nenos poidan regresar e volveremos a consignar a axuda para pagar os billetes de avión dos que veñen a Nigrán”.

A finalidade de SOGAPS é dobre. Por unha parte pretende mellorar as condicións de vida tanto dos refuxiados saharauís, como da poboación residente no Sáhara Occidental ocupada por Marrocos; por outra parte, dende o ano 1991 que se creou o movemento solidario en Galicia, o obxectivo segue sendo o de dar resposta ás necesidades de planificación e mellora na xestión e execución da axuda humanitaria dirixida os refuxiados saharauís que se da na nosa Comunidade a petición e coordinación da Delegación Saharauí para Galicia.

As organizacións humanitarias internacionais que operan nos campamentos de refuxiados saharauís, especialmente ACNUR, o PMA, UNICEF e cinco ONG internacionais (Oxfam, CISP, Médicos do Mundo, MPDL e SIA), emitiron un chamamento conxunto o 19 de abril de 2020 para solicitar aos donantes que realicen contribucións e doazóns para apoiar os procedemento de prevención da COVID-19 e evitar un maior deterioro na situación humanitaria, especialmente porque a taxa de anemia entre mulleres, embarazadas e nais lactantes aumentou ata superar o 73%, e respecto á porcentaxe de malnutrición entre os nenos menores de cinco anos, este aproxímase ao 25%; así como tamén se rexistra unha alta porcentaxe de persoas con diabetes e presión sanguínea arterial.