Peitieiros celebra as súas tradicionais “poxas” na honra de San Miguel

A parroquia gondomareña de Peitieiros celebrou este martes as súas festas patronais na honra de San Miguel. Ás 11:00 da mañá saíu desde o Barrio de Piñeiro o tractor de San Miguel, cargado con produtos do campo e animais con destino ao recinto parroquial de Peitieiros, acompañado pola charanga Va K Pinta. Ás 12:30 horas comezou a Misa Solemne seguida de procesión acompañada pola mesma charanga, que amenizou a continuación a sesión vermú.

Xa pola tarde, pasadas as 17:00 horas, comezaron as tradicionais “poxas” de San Miguel, que reuniron a centos de persoas no recinto parroquial de Peitieiros, con máscara e mantendo as distancias. Carlos Riveiro, coñecido por Carlos de Gondomar, foi o encargado das poxas. Durante unhas tres horas puidéronse adquirir pombas, aceite, garavanzos, lentellas, froita ou botellas de xenebra. Por un lacón chegaron a pagar 80 euros, do mesmo xeito que por dous galos, e as plantas poxáronse por entre 30 e 50 euros.

Pola noite, o grupo D’Líder amenizou o fin de festa.