
Gondomar participou este domingo na XIII Limpeza Simultánea “Móllate polos Ríos”, incluída no “Proxecto Ríos”, coordinado pola asociación ecoloxista Adega. Trátase dun programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, mostrar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.
O goberno local, a través da súa Concellería de Medio Ambiente, mostrou a súa satisfacción pola colaboración obtida por parte da veciñanza que se sumou á iniciativa, e na que o Concello participa desde fai xa 13 edicións. Máis de medio centenar de persoas déronse cita á primeira hora da mañá no punto de partida, en Ponte de Ánimas, para coordinar os diferentes grupos que ían participar na limpeza do río Miñor, desde a Ponte de Mañufe ata a Ponte do Beco, aasí como os afluentes Raxas e Morgadáns.
Un ano máis foron diferentes os residuos que se retiraron tanto das beiras como do propio río, destacando entre eles a aparición por primeira vez das máscaras cirúrxicas, varios pneumáticos, un tambor de lavadora e grandes cantidades de plástico, sacos de entullos ou bolsas, enterradas no fondo do río ou entre as ramas da vexetación da súa contorna.
Dende o Concello agradecen a colaboración de todos os voluntarios e voluntarias que este domingo sumáronse á actividade e insisten na necesidade de seguir apoiando iniciativas destas características e campañas de sensibilización para lograr “que os ríos deixen de ser un lugar no que lanzar verteduras, e a xente tome conciencia de que é necesaria a seu defensa, así como a de toda a súa contorna”.
Nesta ocasión tamén participaron na xornada integrantes da Asociación Galaicosquad Val Miñor, que desinteresadamente, ofrecéronse a ir recollendo durante a mañá as bolsas e residuos que os voluntarios depositaron en puntos sinalados previamente para así poder trasladalos con máis facilidade.