O PP de Gondomar denuncia deficiencias perigosas no cemiterio municipal

O Partido Popular de Gondomar vén de presentar por rexistro unha instancia solicitando do Alcalde que se arranxen varios danos no cemiterio municipal de Gondomar. No escrito denuncian o mal estado no que se atopan varias zonas do cemiterio, e que poden poñer en risco a integridade física das persoas que acoden ao mesmo.

“Xa son varios os veciños que se dirixiron a nós para denunciar o mal estado dalgunhas zonas do cemiterio. Hai varios buratos no chan que están tapados con bloques de cemento colocado de calquera maneira ou outro cunha porta vella en mal estado que xa presenta os sinais de que alguén xa meteu o pé nela”, denuncia Paula Bouzós, voceira do PP de Gondomar.

O Partido Popular de Gondomar solicita que se reparen estas deficiencias, ao igual que se acometa unha actuación de conservación das corredoiras do cemiterio que presenta varios desniveis perigosos polo afundimento dos empedrados e a rotura do lousado de cemento do chan.

“Cunha pequena actuación da brigada de obras do concello podemos evitar que calquera persoa poida sufrir un accidente”, remata dicindo a voceira do PP gondomareño.