O baionés Miguel Cajaraville gaña a “II Batalla Mural” de Vigo

O baionés Miguel Aurelio Cajaraville Mosquera gañou este sábado o concurso de arte urbana “II Batalla Mural”, convocado polo Concello de Vigo co obxectivo de achegar o valor da cultura urbana, especialmente da arte urbano e do grafiti en todas as súas manifestacións, á cidadanía en xeral e á mocidade en particular e conectalo co valor cultural, patrimonial e social da cidade de Vigo e, ao mesmo tempo, promocionar e dar participación a mozos creadores de grafiti e arte urbano como leito de expresión cultural e artística.

No certame, celebrado no a rúa Eduardo Chao e na sede da Deputación de Pontevedra, participaron un total de 13 artistas que mostraron a súa capacidade creativa realizando unha obra ao redor dunha temática que foi secreta ata media hora antes do inicio da “Batalla Mural”. Traballaron sobre unha peza de cartón pluma de 2 por 2,5 metros que se instalaron no exterior do edificio da institución provincial, desde as 10:30 da mañá ata as 18:00 horas da tarde. O Concello de Vigo forneceu os botes de sprays necesarios para pintar.

Ao finalizar a xornada, fíxose pública a decisión do xurado. A obra gañadora foi “Máis cara caveira”, do baionés Miguel Aurelio Cajaraville Mosquera, que terá a posibilidade de participar como artista na seguinte edición do programa de medianeiras municipal “Vigo, cidade de cor”. Daniel Fernández Bargas con “Elefante azul” e Diego Anido Seijas con “Dúas mans entrelazadas” foron o segundo e terceiro clasificado respectivamente.