89 residentes comezan o seu período de especialización nos centros da área de Vigo

A Área Sanitaria de Vigo deu a benvida aos 89 graduados que elixiron Vigo para cursar a súa especialidade sanitaria. O acto de recepción foi presido polo seu xerente, Javier Puente. Como novidades, pódese subliñar o incremento do número de prazas acreditadas polo Ministerio de Sanidad en determinados servizos: 3 máis en Pediatría, 1 máis en Pneumoloxía, 1 en Radiodiagóstico e 1 en Neuroloxía.

“As novas acreditacións supoñen un recoñecemento da capacidade docente e dos resultados asistenciais desta área, que nestes momentos ten acadado un gran nivel de competitividade, e resulta atractiva e de gran interese nos seus distintos niveis formativos”-afirmou Javier Puente

Líder na formación de especialistas en Pediatría e Radiodiagnóstico

Trala acreditación das 3 novas de prazas de formación especializada, o servizo de Pediatría pasa de 4 ás 7 actuais; ademais das 4 prazas de residentes en enfermaría pediátrica (EIR). Estes datos converten ao Chuvi en líder da formación de especialistas de pediatría de Galicia, dado que é o centro sanitario galego con maior número de residentes nesta especialidade.

Segundo o xerente da Área, “sen dúbida trátase dun feito moi significativo xa que, tendo en conta que a área sanitaria viguesa atende á maior poboación infantil de Galicia, suporá unha maior dispoñibilidade de especialistas; en catro anos contarase con 28 novos pediatras, o que contribuirá a facilitar as coberturas a curto e medio prazo e minimizar o impacto producido pola absoluta carencia actual no mercado laboral de pediatras en desemprego”.

Do mesmo xeito, o incremento de 1 praza en Radiodiagnóstico fai que este servizo conte con 4 prazas, sendo tamén o servizo da comunidade galega con maior numero de prazas de residentes acreditadas.

Ademais, este ano cabe subliñar tamén o incremento de 1 praza no servizo de Neuroloxía e outra en Pneumoloxía, pasando ambos de 1 a 2 prazas para novos residentes.

74 facultativos e 15 enfermeiras

Os 89 novos residentes que se incorporaron hoxe se formarán en 28 especialidades diferentes. Deles, 74 son facultativos e 15 enfermeiras. Maioritariamente os facultativos residentes son graduados en Medicina aínda que tamén comezan a súa formación graduados en Farmacia ou Psicoloxía.

As 15 graduadas en Enfermería distribúense en 4 de Pediatría, 1 de Saúde Mental, 4 matronas e 6 de Medicina Familiar e Comunitaria.

A especialidade que copa un maior número de residentes é Medicina Familiar e Comunitaria, cun total de 24 novos residentes. Tralo servizo de pediatría con 7 residentes de primeiro ano, séguenlle con 4 os de de Anestesia e Reanimación e o de Radiodiagnóstico. A contaminación, Medicina Interna, Traumatoloxía e Obstetricia e Xinecoloxía con 3 prazas cada un deles. O resto dos servizos contarán con 2 ou 1 residente de primeiro ano.

1700 alumnos en formación

Na actualidade, na Área Sanitaria de Vigo hai un total de 1700 estudantes que cursan diversas disciplinas nos centros asistenciais. Destes, 384 son graduados, residentes que realizan o seu período de formación especializada.