O Xulgado anula a posta en funcionamento da Área Metropolitana de Vigo

Xunta da Área Metropolitana de Vigo.

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Vigo anulou a posta en funcionamento da Área Metropolitana de Vigo ao considerar que só pode facerse efectiva tras a integración do transporte urbano da cidade olívica no Plan de Transporte Metropolitano. O maxistrado acolleu en parte o recurso interposto pola Xunta de Galicia contra as actuacións administrativas relativas á constitución do ente supramunicipal. Así, declarou inválidos todos os actos posteriores á constitución da asemblea do órgano, celebrada o 1 de decembro de 2016.

Aínda que o xuíz entende na sentenza que a asemblea foi “validamente constituída” e que a toma de posesión do alcalde de Vigo como presidente foi “axustada ao ordenamento xurídico”, considera “inválidos” os actos posteriores á celebración desa reunión constituínte, tales como a sesión constitutiva da Xunta de Goberno Metropolitano e a súa conformación, o 29 de decembro de 2016, e as posteriores reunións dese órgano.

O maxistrado sostén que constitúen “actos posteriores, enmarcados no concepto de efectiva posta en funcionamento da área, que só pode producirse tras a efectiva integración do transporte urbano de Vigo no Plan de Transporte Metropolitano”. Polo tanto, conclúe que esas actuacións son “contrarias a Dereito, o que comporta a anulación dos acordos que no seu seo se adoptaron”.

“A convocatoria e celebración da sesión constitutiva da Área Metropolitana de Vigo, a constitución da súa asemblea e a elección do seu presidente quedan inseridos no ámbito da organización dos entes locais e, no noso caso, procede declarar que os actos realizados en aras de alcanzar ese obxectivo foron válidos”, apunta o titular do Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Vigo na sentenza, contra a que cabe presentar recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.