Gondomar, Fibra Xa! chama á veciñanza a reivindicar unha conexión a Internet de calidade

Na concentración celebrada este luns diante do Concello de Gondomar, a Plataforma Gondomar, Fibra Xa!, volveu convocar á veciñanza a reivindicar un servizo de Internet de calidade para non volver sufrir a precariedade dos meses de confinamento.

Tivo lugar un breve coloquio por parte da Plataforma e a alcaldía sobre a situación actual de estancamento e as iniciativas que se pretenden levar a cabo para axudar a desbloquear a situación. Varias veciñas e veciños manifestaron a súa disconformidade e a súa afectación persoal con respecto á carencia deste servizo básico. Tamén se aproveitou para continuar coa recollida de sinaturas para a Valedora do Pobo e Instituto Galego de Consumo, que xa leva varios centenares, aínda sen facer un reconto exhaustivo. Achegáronse máis de medio centenar de veciñas e veciños do concello e da comarca. Deron o seu apoio asistindo os representantes dos partidos políticos PSOE (goberno municipal), PP, BNG e Manifesto Miñor.

As veciñas e veciños de Gondomar consideran vulnerado o seu dereito a ter un servizo de internet de calidade e en igualdade de condicións que outras zonas. A verdadeira fenda dixital en Gondomar é a derivada dun servizo esaxeradamente lento ou inexistente en boa parte do municipio. A día de hoxe, coa incerteza dun posible novo confinamento, coa moi probable volta ao teletraballo e boa parte do alumnado de secundaria e universidade con clases on-line ou semi-presenciais, a situación nas parroquias de Gondomar en relación coa conexión a Internet segue a ser a mesma que en marzo.

Os sucesivos gobernos da Xunta e do Estado están a incumprir os compromisos adquiridos no que respecta á velocidade do acceso a Internet neste territorio, que establecían en Galicia para o 2020 en, cando menos, 30 megas, mais nesta altura na maior parte do concello aínda non se chega ao 10%. A isto súmaselle o agravante de que as persoas usuarias de internet no concello de Gondomar están a pagar por un servizo que non reciben das empresas de telefonía coas que o contratan.

Así as cousas, desde a Plataforma animan a colaborar na recollida de sinaturas e nas vindeiras accións das que se irá informando puntualmente a través das redes sociais e dos medios de comunicación.