Apertura do curso académico no Álvaro Cunqueiro

A Área Sanitaria de Vigo recibiu hoxe aos alumnos e alumnas da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago que cursarán sexto ano de grao nos centros sanitarios públicos vigueses. En total son 120 estudantes (92 mulleres e 28 homes).Trátase do maior número que ata agora tense formado no hospital, incrementando a cifra do pasado nun 53,8% ao pasar de 78 aos 120 actuais.

Ademais, tamén hoxe comeza no CHUVI a Formación en Centros de Traballo (FCT) do alumnado de Técnicos en Coidados Auxiliares de Enfermería (TCAE). Son un total de 66 alumnos/as que durante este ano pasarán polos hospitais do Chuvi para realizar prácticas presenciais e recibir formación dos profesionais sanitarios.

Este alumnado que se incorpora hoxe ten pasado as probas de cribaxe e recibido información e formación especifica por técnicos de Prevención de Riscos laborais sobre a prevención da infección pola COVID-19.

En xeral, hai un millar de alumnos e alumnas que están cursando estudos de distintas disciplinas nos centros sanitarios. Con estas novas promocións que inician o curso se consolida a capacidade docente da sanidade pública viguesa.

25 profesores asociados e 605 colaboradores docentes

Os alumnos de Medicina realizan o seu último ano nun hospital, cun curso práctico no que se lles imparte un programa docente baseado na rotación por diferentes especialidades médicas e cirúrxicas. En total, traballan sete materias: clínica médica, clínica cirúrxica, urxencias e servizos centrais, clínica obstétrica e xinecolóxica, clínica pediátrica, clínica psiquiátrica e medicina familiar e comunitaria. Durante este período lectivo, os alumnos cumpren un horario de 8.00 á 15.00 horas, e tamén realizan gardas.

A docencia deste curso será impartida por 25 profesores asociados e 605 colaboradores docentes do CHUVI. A aposta pola función docente tamén está incluída nas liñas xerais do Plan Estratéxico da Área Sanitaria.