O eurodeputado Nicolás González Casares visita o CEMMA de Nigrán

O deputado do Parlamento Europeo, Nicolás González Casares, vén de manter en Nigrán un encontro coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) no marco da súa actividade como membro das comisións de Pesca e Medio Ambiente. Foi recibido polo presidente do organismo, José A. Martínez Cedeira e polo biólogo da coordinadora, Alfredo López. Tamén participaron na reunión o alcalde de Nigrán, Juan A. González, e o concelleiro de Medio Ambiente, Diego García aos que o eurodeputado felicitou polo compromiso do Concello de Nigrán con esta ONG.

Casares coñeceu de primeira man o traballo que desenvolve o CEMMA dende comezos da década dos 90, . Como explicou, “o equipo do CEMMA leva moitos anos xogando un papel fundamental na protección da biodiversidade mariña, na conservación dos nosos cetáceos e na divulgación das súas problemáticas, entre as que se atopa a convivencia coa actividade pesqueira”.

O deputado dos Socialistas Europeos expresou, nesta liña, a súa preocupación “polo acusado declive da toniña”, unha situación da que o CEMMA leva tempo alertando. Trátase da especie de cetáceo máis ameazada das augas peninsulares que ten nas costas galegas un dos seus derradeiros redutos do sur de Europa. A baixa taxa de reprodución e a elevada mortalidade por captura accidental en artes pesqueiras son as súas principais ameazas. Casares comprometeuse a estudar dende Bruxelas posibles liñas de actuación a través das que contribuír á conservación da especie. “Seguiremos en detalle o tema porque temos claro que o mar ten recursos suficientes para a convivencia entre mariñeiros e cetáceos”, afirmou.

“Estase elaborando unha Estratexia Europea de Biodiversidade”, engadiu, “e a posible desaparición futura da toniña vai contra deses obxectivos. Manter as poboacións de cetáceos nas nosas augas deben pasar pola colaboración de todos os sectores para procurar o equilibrio social, económico e medioambiental”.