Nigrán participa por sexto ano consecutivo no “Proxecto Ríos” cunha limpeza no río Muíños

O Concello de Nigrán súmase por sexto ano consecutivo o domingo 27 de setembro ao “Proxecto Móllate polos Ríos” coordinado pola asociación ecoloxista Adega e que nesta ocasión se centrará no último curso do río Muíños, en Praia América (en anteriores edicións foi o Esteiro de A Foz ou a propia desembocadura deste río). Trátase da “XIII Limpeza Simultánea” e terá lugar en ríos que atravesan medio cento de municipios de Galicia e sempre grazas ao labor de grupos de voluntarios, xa que se trata dunha iniciativa educativa que busca a concienciación social.

Os interesados en participar deben inscribirse previamente ata o domingo 20 a través do mail oficinaturismo@nigran.org (indicando o nome, DNI e teléfono de contacto de todos os participantes) ou no teléfono 986368734 de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas e o domingo de 10:00 a 14:00. Os inscritos deberán presentarse ás 11:30 do domingo 27 de setembro na explanada de Praia América (onde a antiga escola de surf e o mercado multicultural). O Concello facilitará máscaras conmemorativas da xornada, bolsas e luvas, recomendándose levar botas de auga. A xornada alongarase durante hora e media aproximadamente finalizando cunha pequena merenda.

O Concello de Nigrán participa nesta xornada dende o ano 2015 baixo a iniciativa do goberno local. Dende entón, grazas o labor dunha vintena de voluntarios, téñense retirado do esteiro de A Foz e da propia desembocadura do río Muíños algo máis de dúas tonelada de lixo, principalmente botellas de vidro e material de construción e pesca, pero tamén tixolas, paraugas, cadeiras, xoguetes…

“Este é un día de sensibilización e concienciación medioambiental no que se pon de manifesto a necesidade da correcta xestión dos residuos, ao tempo que amosamos que as pequenas accións valen moito”, subliña o alcalde, Juan González.

O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.