O goberno de Gondomar atrasa outros dous meses a convocatoria da Comisión de Urbanismo

Na sesión extraordinaria organizativa do Pleno da Corporación Municipal de Gondomar, celebrada o 17 de xullo de 2015, levouse no punto nº3 da orde do día Proposta de Alcaldía relativa á creación e composición das Comisión Informativas permanentes. Entre elas estaba a Comisión Informativa de Asesoramento e Seguimento de Urbanismo. Este punto foi aprobado por unanimidade.

A comisión funcionou ata xullo de 2016. Tivo unha xuntanza en 2015 e sete no 2016, a última celebrouse o 4 de xullo de 2016.

No ano 2016 apróbase a Lei do Solo de Galicia que entra en vigor o 16 de marzo. Esta aprobación indica na súa disposición adicional 2ª que os plans en tramitación que non estivesen aprobados inicialmente terían que adaptarse a esta nova Lei, é dicir, habería que tramitar un PXOM dende cero. “Este é o caso de Gondomar, mais esta información non se deu á cidadanía por parte do goberno municipal”, asegura Pauliño del Río, Voceiro do Grupo Municipal de CABE.

No pasado Pleno Extraordinario do 21 de xuño de 2016, aprobáronse por unanimidade, a proposta de CABE e o resto da oposición, a delimitación dos núcleos rurais de Campo Grande, Prado e San Roque en Morgadáns e o de Penalba en Mañufe. “Esta aprobación permitiu solucionar graves problemas que a ineficacia, inoperancia e sectarismo do goberno non foron quen de resolver”, engade del Río.

Nese Pleno e para responder ás críticas, entre outras, da falla de convocatoria da Comisión de Urbanismo (PXOM), o Alcalde se comprometeu a que o goberno poría en marcha de novo esta comisión.

O pasado 18 de xullo (un mes despois) convócase á Comisión Informativa de Asesoramento e Seguimento de Urbanismo, para o día 26 de xullo, ás 20:00 horas na Sala de Xuntas do Concello coa orde do día seguinte:

Aprobación das actas anteriores.

Dar conta da situación actual dos núcleos rurais.

Situación actual do PXOM en Gondomar.

Información urbanística en áreas de tolerancia.

“Temas de suficiente calado e transcendencia para a súa convocatoria e da que todos os grupos políticos da corporación e a veciñanza en xeral, deberiamos estar informados. Hai que recordar que os núcleos aprobados en fase inicial están pendentes de aprobación definitiva pola Xunta de Galicia, que a situación do PXOM en Gondomar ninguén a coñece (levamos un ano sen saber absolutamente nada) e que é tema relevante se se pode ou non construír e en que condicións nas áreas de tolerancia dos núcleos rurais. É dicir, información básica e fundamental que todos deberiamos coñecer e manexar nun tema de tanta importancia como o urbanismo”, insiste o voceiro de CABE.

Pero nada disto sucedeu, o mesmo día da pretendida celebración da Comisión os grupos municipais recibiron comunicación da súa suspensión. Motivo: “Pola presente comunícaselle que a sesión co contido que a continuación de detalla queda suspendida por problemas de axenda ata a última semana do mes de setembro”.

Non é a primeira vez que o goberno municipal suspende ou mesmo non aparece a unha xuntanza que eles mesmos convocan. “Pode alguén desconvocar por problemas de axenda unha xuntanza que el mesmo convocou e que non consultou con ninguén? Este goberno municipal si. Mentres os demais adaptamos o noso tempo ao que decida o goberno de forma unilateral, eles non respectan nin as súas propias decisións”, critica del Río.

Dende o Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto expresan a súa protesta por este novo desprezo do goberno aos representantes da veciñanza de Gondomar. “Hai que ter un mínimo de rigor e de respecto cando se traballa para a cidadanía. Debemos recordar que tampouco se celebrou a Xunta de Voceiros que eles mesmos convocaron e tamén suspenderon o mesmo día da súa celebración para tratar o tema dos núcleos”.

“Cal é a situación do PXOM de Gondomar? Ninguén o sabe máis aló do goberno municipal. A falla de transparencia, publicidade e información é total. A solución definitiva aos problemas urbanísticos de Gondomar pasa pola elaboración dun novo PXOM do que, dende a aprobación da nova LOUGA que obrigaba a empezar de cero, nada sabemos. E do que esperamos que non se nos exclúa e que non se exclúa a ninguén. O resultado da coherencia, do dialogo, da transparencia e da legalidade practicada polo Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto foi a aprobación da delimitación dos núcleos rurais por unanimidade”.

Para Gondomar Concello Aberto, na elaboración do PXOM non se pode apartar ou relegar a ninguén. “Esperamos que se isto ocorre non lle volvan botar a culpa á oposición como teñen por costume. E que non sexa a súa intención traer ao Pleno da Corporación un PXOM sen consensuar, furtando información e de forma unilateral como fixo o goberno do Partido Popular no mandato anterior”.

Dende o Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto pregúntanlle ao goberno municipal para cando un PXOM de Gondomar con transparencia, información, participación e consenso?

“Que a Comisión de Urbanismo leve máis de 1 ano sen convocar e agora se adíe dous meses máis di bastante ás claras as intencións do goberno municipal e da Concellería de Urbanismo”, conclúe del Río.

Anuncios