O novo multiusos de Sabarís estará listo a fin de mes

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Estado das obras de rehabilitación do inmoble do antigo mercado de Sabarís, que albergará o multiusos.

O novo centro multiusos situado nas antigas instalacións do Mercado de Sabarís estará rematado a finais deste mes, e se todo discorre segundo o esperado o complexo podería inaugurarse en outubro.

Así o asegurou o edil de Urbanismo de Baiona, Víctor Manuel Muñoz, que explicou que nestes momentos están á espera dun permiso da Deputación para realizar unha lixeira modificación na toma de pluviais. Mentres tanto e co fin de axilizar as actuacións, os operarios están a montar e instalando todo o referente a carpintería interior. As intervencións leváronse a cabo tal e como marcaba o proxecto inicial a excepción do espazo reservado para hostalería, que finalmente queda aparcado e converterase nunha área de reunións. A variación realizada responde a unha petición efectuada pola Asociación Castro e Ladeira pensada co fin de non prexudicar aos hostaleiros instalados nas inmediacións do edificio.

Muñoz explicou que a renovación de fachadas e cubertas, a dotación de sistemas de abastecemento e saneamento, climatización ou a instalación eléctrica están finalizadas e que tan só quedaría por diante a colocación de elementos internos como o mobiliario, mecanismos eléctricos tales como luminarias, enchufes ou interruptores ademais de grifería. O proxecto cun prezo de saída de 629.200 euros, impostos incluídos, adxudicouse en xullo de 2019 á empresa Coto Estudios y Construcciones S.L. por valor de 556.000, cun prazo inicial dun ano aínda que por motivos organizativos os traballos non comezaron ata o 5 de novembro dese mesmo ano. Unha vez máis as actuacións sufriron un novo parón a inicios de 2020 debido ás choivas torrenciais sufridas mentres actuaban sobre o tellado do inmoble. Novamente os contratempos volveron facer acto de presenza tras o decreto de estado de alarma polo covid 19 do pasado 15 de marzo que aínda que non paralizaron por completo as obras, obrigaron á adxudicataria para reforzar o persoal de traballadores cunha cuadrilla extra para compensar as demoras que en total superan os tres meses se se toma como data inicial novembro de 2019.

O conxunto arquitectónico situado a escasos metros da Praza Victoria Cadaval e da ponte románica foi construído en 1956 e na actualidade está protexido por Patrimonio debido ás peculiares cerchas de formigón sobre as que apoian as súas cubertas. Sesenta e catro anos despois da súa primeira inauguración, todo apunta a que as instalacións do núcleo baionés recuperarán o seu esplendor de outrora converténdose nun motor cultural e social da parroquia. Contará á súa vez cunha zona para usos comerciais mentres que os biombos instalados no seu interior outorgarán unha gran versatilidade a un espazo que en total suma 700 metros cadrados dividindo as diferentes estancias en función das necesidades de cada momento.