Galicia en alerta pola chegada da borrasca “Ana” con fortes choivas e ventos de máis de 120 km/h

A Axencia Estatal de Meteoroloxía emitiu este venres un aviso especial de fenómenos adversos por un temporal de vento, mar e precipitacións que afectará a toda a Península e Baleares desde o domingo 10 ata o luns 11 de decembro. A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta emitiu unha alerta de nivel laranxa en toda a comunidade.

O paso dunha fronte moi activa, asociado a unha cicloxénese explosiva no Atlántico coa formación da borrasca “Ana”, moi profunda, que cruzará ao norte do mar Cantábrico, dará lugar a ventos moi fortes, mal estado da mar e choivas fortes e/ou persistentes que afectarán a boa parte da Península e Baleares.

Produciranse precipitacións abundantes en gran parte do territorio peninsular, que poderán ser localmente fortes e/ou persistentes sobre todo no noroeste e en zonas montañosas, onde poderían alcanzarse ou superarse os 80-100 mm en todo o episodio, especialmente en Galicia. As choivas tenderán a diminuír de oeste a este ao longo do luns.

O máis significativo será o vento, forte ou moi forte do suroeste en amplas zonas da Península e en Baleares podéndose superar os 80-100 km/h, sobre todo en zonas montañosas, Galicia e zonas próximas onde se poderían superar o 120 km/h. Tras o paso da fronte o vento irá amainando de oeste a este ao longo do luns.

Tamén espérase a primeiras horas da tarde de mañá que dea comezo temporal costeiro por mar combinada de forza 7,8 e ocasionalmente 9, con ondas de 5 a 6 metros que afectará a todo o litoral da nosa comunidade. En toda a provincia de Pontevedra, a primeiras horas de mañá, espéranse choivas con precipitacións acumuladas que poderán acadar os 30mm/h.

Ao final do luns 11, o máis probable é que finalice o episodio tras o paso da fronte e o afastamento da borrasca.