Os aspirantes ao título do 35º Trofeo Príncipe de Asturias toman posicións en Baiona

O Trofeo Príncipe de Asturias supera o ecuador da súa trixésimo quinta edición. Coa estrea das categorías Gadis ORC 5 e SH Robotics ORC Open, a baía de Baiona reuniu hoxe a un total de 70 barcos divididos en sete clases e tres campos de regata, completando con éxito o programa de probas da súa segunda xornada. A falta do que suceda mañá na xornada final, Magical, Cachete, Deep Blue 2.0, Chispa Nejra, Albarellos, Okofen e Tutatis Gestilar son por agora os líderes provisionais da cita.

No campo de regatas das divisións de ORC desde 2 ata 4 o vento non lle puxo nada fácil as cousas ao Comité de Regatas. A falta de vento provocou un aprazamento dunha hora e media na auga ao comezo do día, aínda que finalmente cuns 11 nós de compoñente norte a frota puido escoitar o bocinazo para a primeira das dúas probas barlovento-sotavento que se disputarían nesta segunda xornada de competición.

Na categoría Nacexa ORC 2 a xeral apertouse ao máximo tras a disputa da terceira e cuarta proba de regata, e o empate a cinco puntos co que finalizaban onte na cabeza os equipos Magical e Yess Too resolveuse hoxe provisionalmente a favor do primeiro. Con Julio Rodríguez á fronte, o Magical do Real Club Náutico de Vigo continúa liderando a xeral –agora en solitario- cun segundo e un quinto anotados esta tarde, mentres que o Yess Too de Rui Ramada pasa a ocupar a quinta praza a só un punto do podio.

A segunda posición é agora para o Solventis de Malalo Bermúdez tras sumar un sexto e un terceiro na súa marcadora, posicionándose a tres puntos dos de Ramada. Por detrás, boa xornada tamén para o Aceites Abril de Luis e Jorge Pérez Canal, que cunha vitoria parcial e un cuarto sóbese ao terceiro caixón do podio provisional.

En total, só cinco puntos separan aos seis primeiros clasificados, polo que todo dependerá do que suceda mañá.

En Aceites Abril ORC 3 o Cachete de Fran Edreira volveu ser o mellor no campo de regatas. O barco do Club Marítimo a Penela sumaba hoxe outras dúas vitorias parciais máis e aséntase no máis alto da xeral con cinco puntos de vantaxe sobre o Antílope – Kahaway de José Luis Alonso, que mantén tamén a súa segunda posición tras os dous segundos postos anotados hoxe.

Onde si houbo cambios é no terceiro posto do podio provisional, que o ocupa agora o Milaneza de Rui Amorín tras sumar dous terceiros.

Pola súa banda, na división Autesa ORC 4 o Deep Blue 2.0 do Real Club Náutico de Vigo tampouco se moveu hoxe do primeiro posto. Os de Vicente Cid anotaron un segundo e unha nova vitoria parcial ampliando un punto a súa vantaxe sobre o Unus de Luis García Trigo, que sumaba o seu primeiro triunfo na proba inicial do día e un terceiro na segunda manga. O Balea Dous de Luis Mª Pérez, pola súa banda, continúa tamén na terceira posición da clasificación provisional.

Na xeral do Premio Juan Sebastián Elcano, que abarca en conxunto ás categorías de ORC 2, 3 e 4, o Cachete asaltaba hoxe o liderado por diante de Magical e Solventis, segundo e terceiro respectivamente.

Mentres tanto, coa saída situada na zona de Carallones e unhas condicións de vento de entre 10 e 12 nós de intensidade, ás 12:00 horas arrancaba a proba costeira para as categorías Gadis ORC 5 e SH Robotics ORC Open, que se estreaban hoxe na trixésimo quinta edición do Trofeo Príncipe de Asturias.

Cun percorrido dunhas 20 millas e máis de catro horas e media de navegación pola ría de Vigo, o Chispa Nejra de José Rey, que navega baixo a grímpola do Club Náutico de Beluso, foi o máis rápido en Gadis ORC 5 tanto en tempo real como en compensado, converténdose así no líder provisional da regata. Séguenlle por detrás na xeral o Travesío La Riviere con Carlos Lourido á cana e o Santiago Roma Rías Baixas de Iñaki Carbajo, segundo e terceiro respectivamente.

En SH Robotics Open o Albarellos do Monte Real Club de Yates, que navega con Fernando Rey á cana, colocábase á fronte da xeral tras a disputa da regata costeira ao lograr unha vantaxe de cinco minutos en tempo compensado sobre o Lacazán de Ignacio Pedrosa, que é segundo. O Norte de Joaquim Moreira ocupa o terceiro posto nesta división.

Pola súa banda, os monotipos tamén completaron hoxe o seu programa de probas previsto, nesta ocasión co campo de regatas situado fóra da baía, fronte ao Parador de Baiona, para aproveitar as mellores condicións de vento.

Na categoría Solventis J80 os dous primeiros clasificados manteñen as súas posicións na xeral. O equipo do Monte Real, o Okofen de Javier de la Gándara, repite os postos de onte con dúas vitorias parciais e un segundo nas tres probas disputadas, e continúa á fronte da clasificación cunha axustada vantaxe de dous puntos sobre o santanderino Solintal de Ignacio Camino, que sumou na súa marcadora dous segundos e un primeiro.

A oito puntos do segundo clasificado, no terceiro caixón do podio da frota máis numerosa do Príncipe de Asturias, situábase hoxe o Dr. Chacartegui de Javier Chacartegui, que con tres terceiros postos e descartando o seu peor resultado ascende ata a terceira posición a falta da última xornada de regatas.

Pola súa banda, na clase Gestilar Ladies Cup a segunda xornada de regatas tamén finalizou con cambios nos primeiros postos da xeral. O Tutatis Gestilar de Pilar Casares, que ocupaba onte a segunda posición da xeral empatando a puntos co Erizana Gestilar de Marta Ramada, anotábase hoxe dúas brillantes vitorias parciais e situábase no máis alto do podio con dous puntos de vantaxe sobre as de Ramada, que selaban un segundo e un quinto para colocarse na segunda posición da xeral.

Por detrás, o terceiro caixón do podio ocúpao o Serralleiras Gestilar de Sara Carmo a tres puntos do Erizana e a cinco do equipo líder, as representantes do Real Club Náutico de Porto Pollensa.

Mañá domingo, terceira e última xornada de regatas con todo por decidir. Aínda que todo dependerá das condicións meteorolóxicas, o Comité de Regatas conta con poder comezar as últimas probas a partir das 12:00 horas. A entrega de premios do 35º Trofeo Príncipe de Asturias celebrarase ás 18:30 horas.