Cáritas instala catro contedores de roupa en Nigrán

O Concello de Nigrán e Servicios Comerciales de Inserción laboral EIL SL de Cáritas veñen de firmar un convenio de colaboración mediante o cal o Concello concede catro espazos do municipio para a colocación de contedores de roupa por un período de dous anos prorrogable a dous anos máis. As catro situacións elixidas por Koopera Cáritas e o Concello son a Rúa Rosalía de Castro, Rúa das Pontes (Porto do Molle), Arquitecto Palacios en Panxón e Estrada pola Vía (nova Biblioteca Pública). Koopera Cáritas farase cargo do mantemento dos contedores e do seguro de responsabilidade civil.

A roupa recollida por esta Empresa de Inserción laboral será seleccionada polos traballadores en inserción, sete na actualidade, e a que sexa reutilizable será comercializada na súa primeira tenda de ruopa “Koopera Store”, na Rúa Urzáiz 159 de Vigo, aberta en 2018 con 220 m2 de tenda, que permitiu crear 13 postos de traballo, dos cales 7 pertencen a contratos suxeitos a convenios de inserción social.

“En 2005 sendo Director da Fundación Érguete-Integración puxemos en marcha a primeira Empresa de Inserción de Galicia como un xeito novidoso de incorporación de persoas en exclusión social ou risco de estalo no mercado laboral, por iso colaborar agora como Alcalde de Nigrán en iniciativas de emprego inclusivas é unha responsabilidade e unha auténtica satisfacción”, declara Juan González.

Son os primeiros contedores deste tipo que se colocan no Val Miñor e se prevé recoller ata 200 toneladas durante o primeiro ano, grazas ao xesto solidario que supoñen as doazóns da poboación de Nigrán. O proxecto creceu de xeito exponencial facilitando a apertura desta tenda que fomenta a aposta por unha moda que axuda a xerar postos de traballo e por un consumo sostible que dá unha nova oportunidade de uso á roupa en venta.

Son xa 35 as tendas Koopera Store en España, das cales 21 están situadas na zona do Cantábrico, 17 en Euskadi, 1 en Cantabria, 2 en Asturias e 1 en Vigo. “Nigrán conta xa cunha rede solidaria de recollida e entrega de todo tipo de roupa dende 2008 no seu “Roupeiro Municipal” e que agora reforzamos con estes catro puntos de recollida para Koopera Cáritas que non só será un xeito de consumo sostible de apoio á inserción laboral”, afirma Juan González, Alcalde de Nigrán.

QUE É UNHA EMPRESA DE INSERCIÓN

Unha E.I.L. é unha organización mercantil legalmente constituída e debidamente cualificada polo organismo autonómico competente que, independentemente da súa forma xurídica, realiza unha actividade produtiva, xa sexa a prestación de servizos e/ou elaboración e venda de produtos, actividade que realiza de forma continua e pola cal se factura e percibe unha remuneración.

Do total do persoal contratado, sen poñer en perigo a viabilidade do plan de empresa, establécese o compromiso de contratación de persoas desempregadas provenientes de situacións ou perigo de exclusión social (cualificación polo Departamento da Administración autonómica con competencia en materia de Servizos Sociais) e que se atopan no momento oportuno para a súa incorporación laboral.

A E.I.L. subscribe un convenio de inserción coa persoa seleccionada e cos servizos sociais, no que se establece un itinerario personalizado de inserción sociolaboral, mediante o seu emprego e capacitación na empresa, ademais doutras intervencións psicosociais.

2020-09-02 - IMG_3307