Falece Teodoro de la Peña, fundador da Asociación Cultural Breogán Valle Miñor

Faleceu aos 76 anos de idade Teodoro de la Peña Barbosa, fundador e primeiro presidente do Club Artístico Peluquerías Caballeros de Vigo e da Asociación Cultural Breogán Valle Miñor. Ás 17:00 horas deste venres, 21 de agosto, os seus restos mortais sairán desde a sala nº 2 do Tanatorio do Miñor en Sabarís dirección á Igrexa de San Pedro da Ramallosa, onde se oficiarán os funerais de corpo presente. Seguidamente terá lugar o enterro no cemiterio parroquial.

A Asociación Cultural Breogán Valle Miñor foi fundada en 1976 polo matrimonio nigranés Gloria Costas Pérez e Teodoro de la Peña Barbosa. Hoxe en día a integran máis de trinta persoas de todas as idades (dende 5 ata 75 anos). Comezou como grupo de Baile Tradicional e pouco a pouco engadíronse outras actividades para complementalo como o grupo de Gaitas e Percusión, o de Canto e Pandeireta, o de Música con frautas e guitarras, o de Teatro e Mediometraxes, o de Danza-jazz e o de Bailes de salón, sete en total, nas que participa case todo o alumnado.

A Asociación, nestes 44 anos ininterrompidos de existencia, percorreu moitas cidades e pobos de Galicia, Portugal, Sevilla, Madrid, Toledo, Asturias, Valencia, Barcelona e Tenerife. A base de Breogán Valle Miñor é o estudio, o achegamento e difusión da cultura galega, concretamente da zona de Vilariño. As súas danzas expresan tamén momentos e costumes dos nosos antergos como as malladas, a pesca, a cavada das terras, os zapateiros, os afiadores que chegaban ao pobo, as leiteiras, as romarías…. Na súa filosofía está o ofrecer a maior aprendizaxe posible e a accesibilidade.

Actualmente, as fillas do matrimonio fundador, May e Glori de la Peña Costas, son as encargadas de manter e expandir o noso folclore e estilo tanto aquí en Nigrán, como en España; Eibar, en Europa; Basilea e Lausanne, e tamén en América; La Habana, Caracas, Valencia, Maracaibo, Montevideo, Santos, Río de Janeiro, etc.

A Asociación Cultural Breogán Valle Miñor foi recoñecida no campo cultural nos VIII Premios Nigrán, entregados no mes de abril do pasado ano 2019.