Nigrán celebra o festival Solpor con Tony Lomba, Llorente&Tribu, Deteriorados e La Franga

O Concello de Nigrán, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, celebra este venres e sábado o seu exitoso festival “Solpor” no espazo público Dunas de Gaifar con Toni Lomba e Llorente&Tribu o venres e Deteriorados e La Franga o sábado. O evento musical organizado desde o Concello, como xa anunciara, abandona este ano o miradoiro de Monteferro para poder manter a gratuidade do mesmo cumprindo ao mesmo tempo con todas as garantías sanitarias, polo que o aforo será reducido e o público deberá permanecer en cadeiras. Un ano máis, contará co patrocinio de Cervezas Alhambra, xa que se trata dun festival que representa á perfección a filosofía da marca, a súa paixón pola música e polo descubrimento de creacións auténticas feitas para gozar cos cinco sentidos.

“Este ano cambiamos o solpor Monteferro polo de Panxón polas circunstancias sanitarias actuais, pero a filosofía é a mesma, gozar dos mellores grupos locais ao aire libre e nunha contorna privilexiada, fronte ao mar e coincidindo cun momento do día máxico”, incide o alcalde, Juan González, quen insiste en que esta edición precisamente non se suspendeu para amosar o compromiso do goberno co festival. «Agardamos que o verán que ven poida regresar a Monteferro porque iso querería dicir que volvemos de verdade á normalidade».

Esta sublime localización e a indubidable calidade artística dos grupos participantes – todos eles con raigame na comarca- farán, sen dúbida, que a maxia do solpor tome unha nova dimensión en Panxón. “Este ano abrimos o festival con Tony Lomba non por casualidade, se non porque foi símbolo en toda España durante o confinamento grazas a súas actuacións de balcón, polo que teremos sorpresas neste sentido”, avanza o alcalde, Juan González

VENRES 7, DESDE AS 20:00 HORAS

TONI LOMBA é un coñecido crooner da escea galega, un gran showman que reinterpreta de forma gamberra temas de outros e tamén canta os seus propios, coñecido tamén por ter pertencido a grupos como Unión Penosa, Los 3 Sudamaricones e Tony Lomba & Elio dos Santos, entre outros. A súa versatilidade lévalle temén polos camiños do cantante solista, sentíndose cómodo entre os grandes intérpretes da música lixeira, desde Raphael a Nino Bravo, de Marvin Gaye a Vicente Fernández, de Rod Stewart á música lixeira italiana.

LLORENTE&TRIBU é un grupo vigués de versións soul, funk, blues, rock, bossa… Formado por Paloma Llorente na voz, Valeria Araujo na percusión, Pablo Garrido no saxo, Humberto Heredia na guitarra e Juan Sánchez no baixo.

SÁBADO 8, DESDE AS 20:00 HORAS

DETERIORADOS son un grupo interxeracional con idades que van dos 22 aos 70 anos inmersos no proxecto “Vulnerables”. Composto por Laura Villanueva, Xaime Fandiño, Alfonso, Jesús Rodríguez ‘Chimay’, Héctor Rivero e Anne Tooming, realizan versións de country e blues con grandes doses de enxenio e instrumentos moi peculiares que sorprenderán aos asistentes.

LA FRANGA é un dúo vigués de versións en acústico formado por Fran Brea e Jorge Villar cun repertorio que vai dos grandes clásicos de todas ás épocas e estilos a éxitos de U2, Coldplay, Michael Jackson, The Beatles, Bon Jovi, Oasis, Los Ronaldos, Nacha Pop, Los Secretos, Sabina, Miguel Ríos ou máis actuais como Ed Sheeran, Avicii, The Lumineers o Mumford & Sons. Os temas son a dúas guitarras acústicas, dúas voces perfectamente harmonizadas e, en ocasións, pequena percusión ou teclado.

2020-08-03 - Cartaz_Solpor