Nigrán mantén os seus festivais de agosto e suma un novo dirixido á infancia

O Concello de Nigrán presentou este xoves a súa oferta cultural de agosto dando continuidade á de xullo ao manter a aposta polos festivais ao aire libre de aforo reducido debido ás circunstancias sanitarias (Chandefolk, Solpor, Sona Gaifar ou o novo Parrulas Fest na Foz) e seguir cos roteiros guiados pola rede de sendeiros municipais.

A música tradicional terá unha presenza destacada ao contar coa actuación do gaiteiro Carlos Núñez no miradoiro de Monteferro, quen esgotou en tempo récord a venda de entradas para o solpor do sábado. A maiores, Milladoiro será o protagonista en Chandebrito do festival Chandefolk organizado desde o Concello para o 22 de agosto, neste caso con entrada libre (limitada por aforo). Ademais, a agrupación feminina “A Banda da Loba”, comprometida coa música en galego, será a encargada de abrir o mes este sábado ás 22:00 no torreiro de O Ceán.

O exitoso festival Solpor Monteferro terá lugar este ano os días 7 e 8 pero no espazo público Dunas de Gaifar para facilitar o control de aforo, xa que nas tres pasadas edicións no miradoiro o público creceu exponenciamente. “Agardamos volver o ano próximo ao lugar orixinal, pero nestes intres é máis conveniente realizalo neste recinto para controlar o aforo mantendo ao mesmo tempo a gratuidade e poder facelo en cadeiras”, sinala o alcalde, Juan González.

Como novidade, neste ano incorpórase con vocación de continuidade o “Parrulas Fest”, festival para miúdos que terá lugar do mércores 12 ao sábado 15 no escenario ao aire libre da Foz do Miñor (onde o Nigranjazz). O clown nigranés “Peter Punk” dirixe este evento que comezará cada día ás 20:00 horas con dúas actuacións diferentes entre as que estará Brais das Hortas, o Mago Pau Segalés, Cirkompacto, Pajarito… Os nenos serán grandes protagonistas na oferta cultural de agosto ao programarse seis contacontos pola igualdade en diferentes escenarios ou tres actuacións do Rey Midas.

Igualmente, o Concello continúa co seu programa “Música nas parroquias” ofrecendo a actuación dunha banda de música en sesión vermú en cada festa parroquial, xa que non haberá verbenas e porá fin ao ciclo do cine de verán este luns con “La playa de los ahogados”.

Ao igual que en xullo, mantéñense as actividades de praia e deportivas engadindo o torneo internacional de futevolei o 29 e 30 en Panxón e os beachmarkets dos domingos en Gaifar ou os de artesanía o sábado en Panxón, sumados á tradicional feira “Portobelo” o domingo 9 na Alameda de A Ramallosa. O Concello continúa tamén coa realización de roteiros guiados pola rede de sendeiros municipal, cun mínimo de dous semanais (é preciso facer inscrición previa no mail turismo@nigran.org).

Finalmente, o Concello colabora en diferentes eventos organizados polas entidades veciñais, como a baixada de carros de bólas a tarde do sábado 15 en Camos.

“En definitiva, un ano máis ofrecemos actividades culturais para todos os gustos e para todo tipo de públicos, este ano condicionados polo Covid-19 tendo en conta o cumprimento de todas as garantías sanitarias”, resume González.

PROGRAMA_DE ACTIVIDADES DO MES DE AGOSTO