Investigan a catro mozos de Vigo como presuntos autores de varios delitos de lesións nunha pelexa en Baiona

A Garda Civil ten identificados aos mozos que participaron nunha pelexa que se rexistrou recentemente en Baiona, na que resultaron tres feridos de diversa consideración, procedendo á investigación de catro deles como presuntos autores dun delito de lesións.

Os feitos investigados por efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán sucederon a madrugada do domingo, día 12 deste mes, no transcurso dunha pelexa que se rexistrou por motivos que se descoñecen no parque público da Palma, na mesma localidade de Baiona.

A intervención da patrulla se seguridade cidadá que compareceu no parque ao ter noticia do altercado, permitiu identificar os mozos que se atopaban no lugar e solicitar a información que foi fundamental para a localización dos presuntos autores materiais das lesións que se produciron durante a pelexa.

Como resultado do altercado no que participan polo menos unha ducia de mozos, que pertencían a dous grupos distintos, na súa práctica totalidade veciños de Vigo, resultaron tres feridos de distinta consideración que tiveron que recibir asistencia médica.

Despois dun intercambio de denuncias por parte dos lesionados, a Garda Civil procedeu á identificación de catro dos presuntos autores materiais das agresións. Tres deles, de entre 21 e 34 anos, veciños de Vigo, xa foron notificados como presuntos autores dun delito de lesións. O cuarto, de 20 anos, tamén veciño de Vigo, aínda que está identificado atópase en paradoiro descoñecido.

As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Instrución de garda de Vigo.