A Área Sanitaria de Vigo sumouse ao Día Mundial da Síndrome de Sjögren

A Área Sanitaria de Vigo sumouse onte aos actos organizados con motivo do Día Mundial da Síndrome de Sjögren. O evento consistiu nunha sesión on line, que estivo orientada principalmente aos pacientes que sofren esta patoloxía.

A charla estivo organizada polo Grupo de Investigación IRIDIS-VIGO, do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, en colaboración coa Asociación Española de Síndrome de Sjögren (AESS) e coa Sociedade Galega de Reumatoloxía. A presidenta da AESS, Jenny Inga, participou no acto de apertura xunto co reumatólogo do CHUVI e coordinador do Grupo IRIDIS-VIGO, José María Pego.

“A Síndrome de Sjögren en tempos da COVID19” foi o título xenérico da sesión na que se analizou, desde distintos puntos de vista clínicos, a situación desta enfermidade nestes tempos e o impacto de pandemia nos enfermos que padecen este trastorno autoinmune. Participaron profesionais de enfermaría e facultativos de Reumatoloxía, Estomatoloxía, Cirurxía Maxilofacial e Medicina Preventiva, entre outros.

Así, a enfermeira de Investigación de Reumatoloxía, Coral Muiño, e o doutor Pego basearon as súas intervencións nos ensaios clínicos sobre o Sjögren e como se viron afectados pola pandemia. O seu colega, o tamén reumatólogo do CHUVI Rafael Benito Melero disertou sobre a ecografía e a biopsia glandulares no diagnóstico da síndrome.

O estomatólogo Álvaro Bastida deu algunhas claves para loitar contra a sequidade da boca, mentres o xefe de sección de Cirurxía Maxilofacial do Hospital Universitario La Paz de Madrid, José Luis Cebrián, expuxo o papel que pode xogar a cirurxía da súa especialidade no diagnóstico e tratamento do Sjögren.

As intervencións pecháronse coa exposición de Víctor del Campo, xefe do servizo de Medicina Preventiva e Epidemioloxía da Área Sanitaria de Vigo. O doutor Del Campo falou sobre as vacinas para os pacientes con Síndrome de Sjögren, nestes momentos e o papel que puidera ter nun futuro haxa unha vacina específica para a COVID19.

As videoconferencias concluíron cun interesante debate sobre diferentes cuestións relacionadas coa enfermidade por parte dos participantes no evento. “Pódese dicir que foi un éxito xa que participaron cerca de 100 persoas, tanto de Galicia como do resto de España e incluso de algúns países de Iberoamérica”, explicou o doutor Pego.

Máis de 200 casos

A Síndrome de Sjögren é un trastorno autoinmunitario no cal se destrúen as glándulas que producen as bágoas e a saliva, o que causa sequidade na boca e nos ollos. Este trastorno pode afectar a outras partes do corpo, incluso os riles e os pulmóns.

Descoñécese a causa da Síndrome de Sjögren. É un trastorno polo que o corpo ataca por erro ao tecido san. A síndrome ocorre con maior frecuencia en mulleres de 40 a 50 anos e é pouco frecuente en nenos.

A síndrome de Sjögren primaria defínese como sequidade nos ollos e a boca sen outro trastorno autoinmunitario.

A síndrome de Sjögren secundaria é máis frecuente e ocorre cando está asociada a más trastornos reumatolóxicos crónicos como a Artrite reumatoidea, o Lupus eritematoso sistémico ou outros.

Na área Sanitaria de Vigo están en seguimento polo servizo de Reumatoloxía máis de 200 pacientes con Síndrome de Sjögren primario.