Baiona celebra o Día de Galicia cun concerto de Xabier Díaz e as Adufeiras do Salitre

Continúan as actividades culturais programadas polo Concello de Baiona e o seu departamento de Cultura dentro do Baiverán 2020. Unha programación pensada para todas a idades que anima o verán dos veciños e visitantes do municipio.

Esta semana, o cine, o humor e o concerto de “Xabier Díaz e as Adufeiras do Salitre” protagonizan a programación do Baiverán. Este mesmo martes, ás 23:00 horas, no Parque da Palma, proxectarase en pantalla xigante o filme “El niño que pudo ser rey”. O mércores, tamén ás 23:00 horas, o humorista Xan Veiga trae ao Parque da Palma o seu monólogo “Aqueles marabillos anos”, un espectáculo no que se convida ao espectador a embarcarse nunha viaxe ao pasado para lembrar as desventuras dun galego calquera que traerá á memoria un bo feixe de costumes, ditos, xogos ou cantigas.

O prato forte desta semana chegará o xoves, ás 23:00 horas, tamén no Parque da Palma, co concerto dun dos músicos galegos máis internacionais, Xabier Díaz, acompañado de “Adufeiras do Salitre”. Díaz trae a Baiona un espectáculo aplaudido dentro e fóra de Galicia no que 10 músicos soben ao escenario para ofrecer un poderoso directo. Este concerto é tamén o xeito que o Concello de Baiona ten de celebrar este ano o Día de Galicia.

Todos os espectáculos estarán supervisados por un técnico de prevención que certificará que o espectáculo sexa seguro tanto para os profesionais que actuarán no Baiverán como para o público en xeral.