Escolares de Belesar visitan Panxón, Praia América, Monte Lourido e a Foz do Miñor

O alumnado-traballador da especialidade de “Promoción turística local e información ao visitante” do Obradoiro de Emprego Valmiemprega II, realizou una visita guiada co alumnado de 1º, 2º, 3º, 4º e 5º do CEP Belesar de Baiona arredor de Praia América.

A ruta consistiu nun itinerario de interpretación da paisaxe e dos valores naturais do lugar. Comezou nas Dunas de Gaifar, espazo protexido por medio dun ENIL (Espazo Natural de Interese local), proseguiu o percorrido coñecendo o peculiar Río Muíños, cunha curiosa desembocadura que fai a fronteira entre as praias de Panxón e Praia América. Os cativos tamén coñeceron «in situ» as características físicas da baía e dos seus accidentes xeográficos, tales como Monteferro, Illas Estelas e Monte Lourido. Tamén se puido observar a curiosa casa coñecida como Torre Quirosno e as orixes do turismo en Praia América. Despois do percorrido a través de Monte Lourido e admirar a baía de Baiona chegaron fronte á punta de frecha de Praia da Ladeira, onde os rapaces admiraron o fermoso areal e a desembocadura do Río Miñor.

Para rematar, a última parada foi na Foz do Miñor, espazo protexido coa figura de LIC (Lugar de Importancia Comunitaria) da Rede Natura, e ZEPA (Zona de Especial Protección de Aves), onde se lles amosou unha paisaxe única, resaltando a marisma de gran importancia ornitolóxica por ser refuxio de aves migratorias, sendo un espazo moi visitado por turistas e polos propios residentes, tendo como obxectivo transmitir os valores ecolóxicos e naturais e a importancia de preservar estas zonas únicas do Val Miñor.

En total foron 68 rapaces acompañados de 6 profesores, que amosaron gran satisfacción pola actividade realizada e a importancia que teñen estas iniciativas para concienciar dos valores do noso patrimonio ás xeracións presentes e futuras.

Anuncios