Baiona prohibe lanzarse á auga desde o paseo en Santa Marta tras resultar ferido un menor

O Concello de Baiona colocou un cartel prohibindo lanzarse á auga desde a rampla de acceso a embarcacións situada no paseo marítimo, a poucos metros da Praia de Santa Marta. Segundo indicou o alcalde, Carlos Gómez, a sinalización foi colocada o sábado por Protección Civil, tras resultar ferido un menor o venres despois de lanzarse á auga.

Foi unha persoa particular quen contactou co 112 Galicia para dar conta do ocorrido ás 18:00 horas. Indicaba no seu relato que o mozo se tirara de cabeza ao mar desde a rampla e chocara contra o fondo. Enseguida, os xestores do CIAE 112 Galicia puxeron os feitos en coñecemento do persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que rapidamente se desprazaron ata o areal para prestar atención médica ao menor.

Segundo informou Protección Civil, o mozo, de 13 anos, aínda que consciente, carecía de sensibilidade no corpo tras lanzarse ao mar e impactar de cabeza contra a zona onde non cubría. Procederon entón á colocación de collarín e taboleiro espinal con damas de elche. Unha vez cinchado e mobilizado en bloque, xa que se sospeitaba dunha lesión medular, elevárono ata a altura do paseo, xa que estaba a subir a marea e chegando a liña de auga ao varón.

Á chegada do 061, procederon á regulación do tráfico rodado, solicitando unha UVI móbil ante a gravidade que derivaba. O menor foi trasladado a urxencias pediátricas do Álvaro Cunqueiro, e derivado posteriormente en helicóptero de emerxencias ao CHUAC da Coruña.

Ao lugar acudiu o Posto de Salvamento e Socorrismo de Santa Marta, dous vehículos de Protección Civil, ambulancia básica do 061, UVI móbil e Policía Local de Baiona, que habilitou un carril provisional debido á densidade do tráfico no momento.