Abraham Mateo, Burning e Michael Legend conforman o cartel das festas da Anunciada de Baiona

Coincidindo coa presentación oficial do “Baiverán 2022”, a Concellería de Cultura de Baiona desvelou este xoves o programa das festas patronais da Virxe da Anunciada, que se celebrarán a primeira fin de semana de agosto.

Na semana grande da Anunciada, a programación comezará o mércores 3 de agosto na Praza do Concello co espectáculo do Boi Xulián. O xoves, día 4, a través do programa “Cultura no Camiño”, como antesala dos concertos da Palma haberá o concerto de “A Banda da Loba”.

Xa o venres 5 de agosto, no Parque da Palma será o prato forte da festa, Abraham Mateo, un artista moi novo pero que leva xa 14 anos actuando. Os seus éxitos recentes como “Me vuelvo loco” coa recoñecida boy band CNCO e “¿Qué ha pasao?” con Sofía Reyes, demostran a súa ampla gama de estilos musicais.

Cambiando totalmente de estilo pasamos a un grupo que é historia no rock and roll nacional, os veteranísimos Burning, o sábado día 6 ás 00:30 horas, coa súa música canallesca, castiza, chulesca e nostálxica.

O domingo 7, a programación rematará co espectáculo infantil “Los Gabytos” ás 19:30 horas, e como final de festa, o Tributo ao Rei do Pop, “Michael Legend”, no mesmo Parque da Palma ás 22:00 horas.

PROGRAMACIÓN BAIVERÁN 2022