O tripartito de Baiona aumenta nun 222% a partida destinada a servizos sociais

Os orzamentos do Concello de Baiona, que previsiblemente serán levados a aprobación plenaria no mes de agosto, incluirán unha partida de 40.000 euros para os servizos sociais municipais, –máis dun 222 % dos 18.000 euros que habitualmente destinaban os anteriores gobernos conservadores– ao considerar o executivo que preside Carlos Gómez que unha das primeiras obrigas dunha administración local “é velar polo benestar da cidadanía en xeral pero, principalmente, daquelas veciñas e veciños que menos recursos posúen ou que mesmo atópanse en risco de exclusión social”.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, aclara que esta partida orzamentaria “podería ampliarse ata os 60.000 euros segundo evolucione a crise da COVID-19”. Das necesidades da poboación en materia de servizos sociais durante a pandemia, engade o alcalde de Baiona, “falan ben ás claras os números: a estas alturas entre o Servizo de Atención Familiar, educación e Emerxencia Social, estamos preto dun 400 % por enriba da demanda do ano pasado a estas alturas”.

A previsión xa contemplada de ampliar a partida orzamentaria para estes fins ata os anteditos 60.000 euros —máis dun 333 % do dedicado polo anterior Goberno do PP– vai ser precisa “para afrontar unha realidade que vai estar maquillada pola época estival na que entramos, pero que a comezaremos a sentir, previsiblemente, a partir do mes de outubro”.

Carlos Gómez subliñou que “Baiona conta agora cun Goberno ao que lle preocupa, e moito, a situación con frecuencia crítica pola que atravesan moitas veciñas e veciños” e afirmou con rotundidade que “servizos sociais significan dereitos e dignidade e nunca beneficencia”.

O agora alcalde de Baiona lembraba que no anterior mandato, sendo alcalde o actual portavoz do PP, Ángel Rodal, “este xactábase de non gastar os 18.000 euros que dedicaban a Servizos Sociais”. “No 2016, coa ONG Ayuda al Mundo Necesitado asistindo a 123 familias de Baiona, que un goberno municipal xáctese de non gastar os 18.000 euros da partida de servizos sociais ten difícil explicación, a non ser a dunha pésima xestión dun departamento que ten a responsabilidade de velar por aqueles a aquelas que menos recursos posúen”, engade Carlos Gómez.