Arranca a conta atrás para a celebración da cuadraxésimo terceira edición do Trofeo Conde de Gondomar, que regresa a Baiona un ano máis da man do Monte Real Club de Yates e Banco Sabadell.
As instalacións do club baionés acolleron este mediodía a presentación da considerada por moitos como a regata de altura por excelencia en Galicia e que é, ademais, unha das máis lonxevas do panorama náutico español, xa que vén celebrándose sen interrupción desde 1976.
Corenta e tres anos despois daquela primeira edición, o Conde de Gondomar mantén viva a súa esencia e apenas introduce cambios nun programa que lle garantiu sempre un gran éxito, tanto a nivel de participación como de espectáculo.
Serán tres días de campionato, entre o 21 e o 25 de xullo, nos que concorrerán as tripulacións máis destacadas da vela en Galicia. Ademais de aos ORCs, divididos en clases por capacidade competitiva, veremos un ano máis aos monotipos J80 e Fígaros disputándose o podio en tempo real.
O programa deportivo varía dependendo das clases, pero todas compaxinarán probas de travesía por unha banda, e percorridos máis técnicos, de barlovento sotavento, por outro. O obxectivo deste programa mixto é que patróns e regatistas poidan demostrar a súa valía tanto en experiencia e pericia como en estratexia e táctica.
Como marca a tradición, a subida ao Carrumeiro Chico, desde a baía de Baiona ata a ría de Corcubión, marcará o inicio do Conde de Gondomar. Un percorrido próximo ás 100 millas que volve ser, un ano máis, Campionato de España de Altura da Zona Galicia. Disputarase o sábado 21 a partir das 11 da mañá.
A esa mesma hora darase saída, tamén desde a baía de Baiona, a unha proba de menor distancia, reservada para os barcos máis pequenos. Neste caso, o punto de virada para volver de novo a Baiona situarase no faro Camouco, na zona da illa de Ons.
O menú do domingo 22 de xullo será unha regata de travesía dunhas 20 millas na que participarán unicamente os ORC’s 4 e Open, J80s e Fígaros, mentres que as tripulacións do Carrumeiro, que finalizarían a proba de madrugada, poderán descansar.
E para a última xornada, o festivo do 25 de xullo, o comité de regata ten preparados dous percorridos barlovento sotavento no fondeadoiro das Illas Cíes. A partir das 12 do mediodía, a adrenalina dos bastóns empezará a poñerlle o punto e final a unha competición que coroará aos seus gañadores esa mesma tarde, ás cinco.
“Galicia, un dos mellores escenarios para a vela en España”
Autoridades, patrocinadores, prensa e invitados viviron esta mañá o arranque do 43º Conde de Gondomar – Trofeo Banco Sabadell na súa presentación oficial, celebrada no Monte Real Club de Yates. No acto, o presidente do club, José Luis Álvarez, lembrou os inicios dunha competición que nacía en 1976 co obxectivo de converterse nunha cita de referencia para a vela de altura no Atlántico.
“Hai 43 anos -dixo Álvarez- reunimos en Baiona ás mellores tripulacións da época e este ano volveremos facer o mesmo sen cambiar apenas nada da formulación inicial, que segue sendo facer gozar aos regatistas da navegación en Galicia, un dos mellores escenarios para a vela en España”.
Nesa idea tamén incidiu o Director de Colectivos de Banco Sabadell, Manuel Prol, ao falar do Conde de Gondomar como un evento que “aínda que é eminentemente deportivo, transcende ese ámbito, converténdose en todo un acontecemento social”. “Cando iniciamos a nosa singradura co Monte Real, hai xa moitos anos, -continuou Prol- fixémolo con vocación de permanencia, como nos gusta que sexan as relacións cos clientes. Cremos nos proxectos que achegan valor engadido á contorna no que se desenvolven e este evento é, sen dúbida, un exemplo diso”.
A Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Marta Míguez, foi a encargada de clausurar a presentación oficial do Conde de Gondomar, cunha intervención na que destacou a longa traxectoria da competición, unha das máis lonxevas de España. Un feito, dixo, que pon de relevo a importancia que a vela ten en Galicia.
Na presentación oficial do evento tamén participaron o alcalde de Baiona, Ángel Rodal, o vicepresidente do Monte Real Club de Yates, Alejandro Retolaza; e o xerente de PSA Retail Vigo, Daniel Martín.
O Trofeo Conde de Gondomar deste 2018 está organizado polo Monte Real Club de Yates co patrocinio de Banco Sabadell e o apoio da Real Federación Española de Vela e Real Federación Galega de Vela. PSA Retail Vigo, Ramada Storax, Martin Miller’s Gin e Coca Cola son os principais colaboradores.

