O Álvaro Cunqueiro acada o seu quinto aniversario

O Hospital Álvaro Cunqueiro afronta xa o seu quinto aniversario desde que o 29 de xuño de 2015 abriu as súas portas ao primeiro paciente. E faino tras pasar a crise derivada da pandemia da COVID-19. Un período no que o centro hospitalario demostrou a súa fortaleza e a súa capacidade, converténdose nunha referencia, xunto co resto da Área Sanitaria, na loita contra o virus.

As instalacións do Álvaro Cunqueiro mostráronse capaces de responder satisfactoriamente á presión asistencial nos peores días da pandemia. Isto foi posible pola súa flexibilidade e versatilidade dotacional, que lle permite a ampliación da súa capacidade efectiva tanto na hospitalización convencional como nas Unidades de críticos.

Todo o traballo previo desenvolvido en anos anteriores -acometendo a maior reestruturación sanitaria realizada en España- plasmouse nas posibilidades de reacción ante a pandemia. E isto permitiu que os equipos humanos puidesen realizar con eficacia o seu labor asistencial, nun entorno que posibilitou, ademais do coidado físico e ambiental dos traballadores, a prestación dos mellores servizos e do maior confort hospitalario aos pacientes. É de destacar así mesmo a rede de centros de atención primaria da Área, o Hospital Nicolas Peña e o Hospital do Meixoeiro.

“O excelente traballo en equipo de todos os profesionais, sanitarios e non sanitarios, e a propia infraestrutura do hospital, xa consolidada nestes cinco anos, foron claves para ofertar unha resposta axeitada a poboación nunha situación que nunca ata o de agora vivira a sanidade no noso pais”, subliña o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Julio García Comesaña. “Sen embargo, isto non sería posible sen a actividade realizada pola Atención Primaria, que resultou fundamental e determinante na atención a poboación nesta pandemia e polo Hospital do Meixoeiro, que permitiu manter un alto grao de actividade non Covid“.

Posta en marcha de procedementos pioneiros

A propia estrutura da Área Sanitaria permitiu establecer circuítos diferenciados e específicos para pacientes con sospeita da enfermidade naqueles servizos máis críticos como Urxencias, UCI, REA, plantas de hospitalización de COVID ou laboratorios; sen descoidar a atención a pacientes con outras patoloxías non relacionadas co virus – oncolóxicas, diálises, traumatolóxicas, cardíacas ou psiquiátricas – aínda que cambiando o modelo de atención cara ao non presencial, a través de teleconsulta, das consultas telefónicas ou TELEA, e limitando a actividade cirúrxica a aquela que non admitía demora. Para isto, se mantivo o Hospital Meixoeiro libre de Covid-19, para o ingreso de pacientes con outras patoloxías sen relación co virus.

Un feito que confirma a capacidade da estrutura foi que non resultou preciso, máis que como exercicio de planificación, recorrer a outros espazos extrahospitalarios nos peores momentos de ocupación hospitalaria.

Ademais, esta estrutura xunto cos avances en dotacións tecnolóxicas dos últimos cinco anos permitiron por en práctica durante a pandemia procedementos pioneiros en Galicia e en España que posteriormente foron adoptados noutros centros hospitalarios.

Un deses casos foi, sen dúbida, o denominado “Auto-Covid” do Meixoeiro; é dicir, a realización de probas PCR no automóbil do usuario, sen necesidade de que este baixase do seu vehículo, evitando así as posibilidades de contaxio. Neste punto cabe subliñar o traballo do persoal de enfermaría ao frente das extraccións e do persoal de laboratorio que as recolleu e procesou.

E directamente relacionado con este proceso púxose en marcha o agrupamento de análise de mostras PCR (Pooling), que permitiu incrementar a capacidade diagnóstica da Área e resolver con axilidade o gran número de probas deste tipo que demandan os equipos asistenciais. Outro dos procedementos pioneiros en Galicia foi o uso de plasma de pacientes curados para o tratamento de enfermos de COVID.

Outras iniciativas, por citar soamente algunhas, foron a atención farmacéutica hospitalaria, que puxo en marcha un sistema de recollida de medicamentos, tamén desde o coche, sen que os pacientes ou as persoas que os coidan tivesen que acceder ao recinto hospitalario evitando así as posibilidades de contaxio.

A recuperación física dos pacientes infectados polo virus levou consigo a actuación de fisioterapia e logopedia nas Unidade de críticos. Os traballos de fisioterapia estendéronse tamén aos profesionais, con plans de exercicios específicos para eles, a fin de recuperar no posible o seu ton físico.

370 profesionais de reforzo

Para afrontar esta inxente tarefa foi necesario ampliar a dotación de persoal, coa contratación de ata 400 profesionais durante os meses máis críticos, para reforzar tanto os servizos sanitarios como as residencias de maiores e centros sociosanitarios. Ademais, a Área Sanitaria decidiu ofrecer contratos como facultativos adxuntos aos residentes de último ano. De feito, 44 dos que acaban de rematar a súa especialidade continuarán traballando na Área viguesa.

A pesar de que o máis crítico da pandemia quedou atrás polo momento, o hospital mantense alerta ante posibles rebrotes e por iso creou a Unidade Postcovid, liderada polo servizo de Pneumoloxía coa participación de membros doutros servizos. Esta Unidade ten por obxectivo estudar as posibles secuelas das pneumonías graves causadas polo novo coronavirus.

Todas estas actuacións demostran que o Álvaro Cunqueiro estivo e está preparado para absorber unha gran demanda asistencial derivada de situacións moi adversas. Foi para o que se construíu e para o que se preparou durante todos estes anos. Sen o traballo previo, nada do realizado nos últimos meses podería terse acadado.

Sen dúbida, a crise sanitaria da pandemia contribuíu a mellorar aínda máis a boa percepción, e sobre todo a confianza, que ten a poboación neste hospital e nos seus profesionais .

Case 60.000 cirurxías e preto de dous millóns de consultas

Neste hospital a actividade asistencial -coa paréntese obrigada pola pandemia- non parou de crecer nestes cinco anos.

Desde o 29 de xuño do 2015 ata o de agora rexistráronse no centro 162.840 ingresos e realizáronse 59.535 cirurxías. Unha cantidade que dá idea do impresionante potencial que ten o Álvaro Cunqueiro cos seus 22 quirófanos.

O número de consultas reflicte tamén un crecemento exponencial. En total lévanse realizado 1.854.673, das que a gran maioría corresponden a consultas por enfermidade. Ademais, o servizo de Urxencias atendeu a un total de 837.043 pacientes

O número de bebés que naceron no hospital foi de 17.205, cifra que reflicte que segue a ser a zona de Galicia con maior número de nacementos.

As cifras de actividade crecerán moito máis no que resta de ano, ao ir recuperándose paulatinamente os niveis que se mantiñan ata o inicio da pandemia do coronavirus.

“O máis importante para nós como profesionais e para a poboación en xeral é que o hospital ven demostrando a diario a súa alta capacidade de resolución, e sobre todo a súa versatilidade para dar resposta a calquera situación sanitaria. Un éxito do que todos debemos sentirnos orgullosos porque pon de manifesto o grandísimo potencial que ten este centro, tanto polas súas dotacións tecnolóxicas de vangarda como pola excelente cualificación e alto nivel de compromiso dos seus profesionais coa cidadanía, que quedou patente nesta pandemia”, conclúe García Comesaña.