Sin categoría

Reabre a Piscina Mancomunada da Ramallosa tras máis de tres meses

A piscina e ximnasio mancomunado do Val Miñor reabriu as súas portas este luns tras permanecer tres meses e unha semana pechado ao público.

A decisión adoptada polo alcalde de Baiona e presidente de quenda, Carlos Gómez, produciuse tras a reunión mantida co supervisor da Mancomunidade, Xosé Antón Fernández González, representantes sindicais e da empresa concesionaria do servizo, Serviocio, para avaliar os protocolos de limpeza, distancia social e desinfección implantadas co fin de garantir a seguridade sanitaria dos usuarios. Un paquete de medidas postas en práctica na totalidade dos centros que a cadea posúe en todo o territorio nacional e que foron auditadas e certificadas pola Cátedra do Deporte da Universidade Politécnica de Valencia. Así a súa implantación levou a cabo atendendo ás indicacións estatais, comunitarias e locais ademais de adoptar outras propias encamiñadas a manter os niveis de seguridade e benestar.

Nun comunicado enviado a medios, a entidade explicaba que o seu obxectivo é que o asociado siga gozando da mellor experiencia deportiva posible “pero con todas as garantías de saúde”. Deste xeito a todo aquel que desexe entrar nas instalacións será sometido a un control de temperatura mediante pistolas de infravermellos, que en ningún caso poderá exceder os 37,5 graos, mentres que o aforo estará limitado a un terzo da súa capacidade normal, un 75%, con horario preferente para maiores de 65 anos; será obrigatorio o uso da pulseira identificativa, a desinfección do calzado e o lavado de mans con xel hidroalohólico mentres que a auga da piscina será sometida constantemente a unha desinfección extra, do mesmo xeito que os filtros do sistema de ventilación.

Co fin de controlar a capacidade do complexo, serviranse de aplicacións tecnolóxicas que poderían variar en función das indicacións dadas polas autoridades en cada momento e no seu interior prohibirase o uso das fontes de auga comúns, os tótems ou a utilización dos ascensores, excepto en casos xustificados. Entre outros puntos destacan a obrigatoriedade do uso de máscaras en zonas comúns, condición indispensable para permanecer nas instalacións deportivas; a dobre toalla para actividades deportivas, o respecto da señalética e as indicacións do persoal, ademais da distancia de seguridade de dous metros. Así mesmo as máquinas deberán de ser sometidas a desinfección antes e despois de cada uso.

Para sacar o máximo partido ao espazo dispoñible, desde a entidade habilitaron zonas ao aire libre para o desenvolvemento de diversas actividades para as que, en calquera caso, será necesaria reserva previa mediante a app. Xa para finalizar adiantaron que compensarán aos seus socios os servizos pagos antes do 15 de marzo e non gozados e permitirán a entrada gratuíta a todos aqueles que non se deron de baixa durante o peche ata o 30 de xuño.