“Vellos Namorados” chega a Gondomar da man do Grupo de Teatro Sénior de Afundación

O Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar acollerá este domingo, día 20 de outubro, a representación de “Vellos Namorados”, a cargo do Grupo de Teatro Sénior de Afundación, que sobre as táboas darán vida a esta adaptación da coñecida obra de Castelao, “Os vellos non deben namorarse”.

O pano levantarase ás 19:00 horas e, baixo a dirección de Víctor Díaz Barús, os actores e actrices darán vida aos personaxes desta farsa en tres actos e epílogo na que se satiriza sobre o amor e sobre a morte de tres anciáns imprudentes. Vellos que se namoran de tres novas que non dubidan en aproveitarse deles, nunha peza na que “se mostra o medo á soidade humana e a necesidade de amar e ser amado”.

O Grupo de Teatro Sénior de Afundación, creado en 1984, está integrado na actualidade por un total de 21 actores e actrices de idades comprendidas entre os 60 e 90 anos, participando algúns dos seus compoñentes en coñecidas series de televisión, longametraxes e anuncios publicitarios.

Con numerosos premios en certames de todo o país chegan a Gondomar este próximo domingo, dispostos a ofrecer o mellor de si ao público con “Vellos Namorados” no Auditorio Lois Tobío.

Anuncios