Colegio Estudio gaña o III Encontro de Debate Escolar na categoría de veteranos

O equipo de O Castro British School formado por Miguel Ruíz e Miguel Alonso proclámase campión da Liga de Debate Escolar composta de sete xornadas celebradas entre os meses de marzo e xuño. A terceira edición deste evento contou ademais cun concurso de discursos para os máis pequenos, alumnos de 3º a 6º de primaria, resultando gañador un alumno do colexio anfitrión, O Castro British School.

O Castro British School promoveu por terceiro ano consecutivo o III Encontro de Debate Escolar, que se celebrou esta fin de semana en modalidade online. O evento, última xornada da Liga de Debate Escolar, organizada pola Asociación Club de Oratoria e Debate Escolar (CODE), patrocinada por WEDU Sociedad&Educación, O Castro British School e coa colaboración da asociación Retórica da Universidade de Vigo, congregou a máis de 70 escolares de diferentes entidades de Vigo e a súa área metropolitana, entre os que figuraron O Castro British School, Colegio Estudio, Colexio Anxo da Garda, Colexio Carmelitas, Escola Rosalía de Castro, Colexio Apóstol Santiago, Inventiva Asociación e Club de Debate Wedu. En total, 24 equipos de ESO e bacharelato compostos por dous membros cada un, que mediron as súas habilidades de oratoria baixo a fórmula Debate Parlamentario e 25 nenos de primaria que participaron nun concurso de discursos.

Equipos do colexio anfitrión, O Castro British School, do Colegio Estudio e do Club de Debate de Wedu foron os que conseguiron chegar ás roldas finais do Encontro na categoría de veteranos, convencendo finalmente ao xurado a parella que representa ao Colegio Estudio.

Na categoría de novatos, conseguiron alzarse co premio dúas nenas do Colexio Carmelitas, que demostraron ao longo de varias roldas os seus grandes dotes de oratoria e argumentación.

A novidade desta edición é que esta última xornada permitiu definir tamén a clasificación final da Liga de Debate Escolar organizada pola Asociación CODE e Wedu Sociedad&Educación, celebrada con todos os equipos entre os meses de marzo e xuño, proclamándose campión o equipo de O Castro British School formado por Miguel Ruiz e Miguel Alonso.

Os máis pequenos tamén tiveron o seu momento na cerimonia de clausura, na que se entregou o premio ao finalista do Concurso de Discursos. Samuel Coira Lecuyer, alumno de 5º de primaria de O Castro British School, conseguiu entre outros tres finalistas ser o máis votado defendendo a palabra “equipo” cun extraordinario discurso de 1 minuto.