ADOS pon en valor a solidariedade e xenerosidade dos galegos co gallo do Día do Doador de Sangue

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) salienta hoxe a solidaridade e xenerosidade das e dos doadores galegos, co gallo da conmemoración do Día Mundial do Doador de Sangue, institucionalizado pola Organización Mundial da Saúde (OMS). Nesta ocasión, a OMS elixiu o lema “Doa sangue para que o mundo sexa un lugar máis saúdable” para a campaña “O sangue seguro salva vidas”, co obxectivo de transmitir a necesidade de potenciar o xeneroso xesto da doazón de sangue como xeito de mellorar a saúde de todos os membros da comunidade.

Ante a imposibilidade de realizar físicamente o habitual acto de conmemoración do Día Mundial do Doador de Sangue 2020, ADOS, nesta ocasión, quere facer unha homenaxe a todas e todos os doantes de sangue mediante a emisión dun vídeo especial, hoxe, que será difundido a través das redes sociais da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (Facebook, Instagram, Twitter e canle de YouTube).

Deste xeito, ADOS quere facer chegar o seu recoñecemento a todas e todos os doantes de sangue e, como non, aos concellos, centros educativos, empresas, irmandades de doantes,…. e a todos os colectivos que día a día, desde hai máis de dúas décadas, teñen contribuído a crear unha conciencia solidaria proclive a doazón de sangue en Galicia

Índice de doazón

ADOS salienta que Galicia acadou, o pasado 2019, unha cifra de 41 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, superando o índice de participación que recomenda a Organización Mundial da Saúde e sitúandose dous puntos por riba da cifra acadada no exercicio anterior. As 109.330 doazóns de sangue acadadas en 2019 supoñen un crecemento do 3,1% con respecto ao ano anterior, sendo as provincias de Lugo e Ourense as que rexistraron un maior crecemento, do 13,9% e do 7,3%, respectivamente, a pesar das dificultades sociodemográficas que presentan ambas provincias.

ADOS quere agradecer a todas e todos os doantes o seu compromiso coa doazón que ten permitido incrementar, novamente, a cifra de doazóns en Galicia, así como acadar 9.532 doantes novos, cifra que representa un total do 15,1% de doadores do pasado ano e que supón unha importante renovación na base de doadores.

Así mesmo, quere facer extensivo, e de xeito, moi especial este agradecemento ás preto de 24.000 persoas que teñen doado sangue desde o pasado 13 de marzo e que permitiron garantir o desenvolvemento da actividade asistencial hospitalaria desde o inicio da crise sanitaria pola COVID-19.

Desde ADOS manifestar o recoñecemento a todas as persoas, institucións e asociacións que colaboran nas campañas informativas a prol da doazón de sangue, especialmente ás Irmandades de Doadores de Sangue e a todas as persoas que doaron sangue no pasado 2019 e ao longo do presente ano que, a pesar da situación excepcional que estamos a vivir, son conscientes do valor vital que supón facer unha doazón de sangue.

Placa no Hospital Nicolás Peña de Vigo

Con motivo do Día Mundial do Doante de Sangue vén de reubicarse unha placa de homenaxe aos doadores no Punto de Doazón de ADOS no Hospital Nicolás Peña. A Placa, entregada en 1997 pola Irmandade de Doadores de Sangue de Vigo e que estaba emprazada no antigo Hospital Xeral, reza: “Non existe maior mostra de xenerosidade que dar a propia sangue sen saber para quén”.

Na foto, o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Julio García Comesaña, xunto a Manuel Fonseca, presidente da Federación Galega de Doantes de Sangue; e o presidente de Adrovi, Celso García, xunto a dúas profesionais santiagueras.