Araúxo denuncia a “ocupación” das prazas para discapacitados do Centro de Saúde de Gondomar

O voceiro de Manifesto Miñor, Antonio Araúxo, denuncia que as dúas prazas de aparcamento para persoas discapacitadas situadas na rúa Portugal, que teñen por obxecto facilitar o acceso destas persoas ao Centro de Saúde, levan máis de dúas semanas ocupadas por maquinaria e material de obra. “Isto acontece nesta momento nunha rúa de Gondomar coa pasividade total do goberno municipal, e así van estar por moito tempo sen reparar na necesidade das mesmas, que para máis inri o atropelo prodúcese xusto enfronte do despacho das concelleiras de Igualdade e Benestar Social”, lamenta Araúxo.

“Con este tipo de actitudes Paco Ferreira demostra que lle importan ben pouco as persoas con discapacidade, e a súa insensibilidade social… o del é inaugurar cousas aínda que sexan liñas de Vitrasa pantasma que entran en Gondomar. Manifesto Miñor denunciaría este feito, para nós moi grave, no Concello, no Pleno ou noutras instancias competentes”, conclúe Araúxo.