Máis de 50 empresas da industria da área de Vigo súmanse a unha campaña a favor do Banco de Alimentos

Máis de 50 empresas da industria da área de Vigo e a súa comarca sumáronse xa á iniciativa da marca VIGOINDUSTRIA na súa campaña a favor da Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo.Esta mañá presentouse a primeira acción social de VIGOINDUSTRIA nun acto conducido polo comunicador Luis Fraga e a moderadora Zaira Rodríguez a favor desta ONG coa presenza do seu presidente, Pedro Pereira.A área de Vigo enfróntase a un reto que marcará o noso futuro e o das seguintes xeracións. Historicamente, a industria foi peza fundamental no desenvolvemento social da contorna e unha vez máis, ambiciona liderar o desafío que supón xerar valor nun escenario que parece desfavorable. Neste contexto, nace VIGOINDUSTRIA co fin de espertar os valores que identificaron á nosa industria, o esforzo, o talento e o compromiso, fusionándose coa sociedade para mostrar unha mensaxe de superación.Durante a charla, o máximo responsable do Banco de Alimentos animou ás empresas que conforman VIGOINDUSTRIA “a que se impliquen nesta iniciativa”, xa que ser solidario “axúdanos a sentirnos máis realizados como seres humanos”, afirmou Pedro Pereira. Neste sentido, destacou que persoas que, ata antes do inicio da pandemia, vivían comodamente, “agora víronse sen recursos para cubrir as súas necesidades básicas”.A campaña presentada comeza o próximo 16 de xuño e finalizará o 26 de xuño. Ao longo destes dez días, as empresas levarán a cabo unha recollida de alimentos na que poderán participar todos os seus empregados con produtos básicos (preferentemente: leite, cacao, galletas, aceite e todo tipo de conservas). Calquera empresa que queira adherirse a esta acción social, poderá facelo enviando un correo a: ingenio@vigoindustria.com“Temos talento, apostamos polo compromiso e predicamos co esforzo”, estes son os principios dunha iniciativa necesaria para o tempo en que vivimos. A orixe dun cambio de época para Vigo e a súa comarca.