Nigrán recorda aos propietarios de leiras que teñen ata o 16 de xullo para limpar os seus terreos

O Concello de Nigrán emitiu un bando no que recorda aos veciños que, en atención ao estado de alarma declarado polo COVID19, os responsables das leiras dispoñen ata o 16 de xullo do ano en curso para o cumprimento voluntario da limpeza das mesmas (DOGA N.º 82 do 29 de abril de 2020). Advírtese de que, en caso de incumprirse o anterior no prazo concedido, o Concello poderá proceder á execución subsidiaria con repercusión das costas da xestión da biomasa nas condicións establecidas no artigo 22.2 da lei 3/2007, sen prexuízo da instrución do procedemento sancionador que corresponda, no que poderán impoñerse sancións dende 100 € ata 100.000 €.

De acordo coa lexislación aplicable (lei 3/2007 de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia), os titulares de terreos forestais deben xestionar a biomasa vexetal de acordo os criterios estipulados nesta lei e manter unha franxa de 50 metros perimetral ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable, arredor de edificacións, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, campings, gasolineiras e parques e instalacións industriais a menos de 400 metros do monte, arredor das edificacións illadas no solo rústico .

Con carácter xeral, na mesma franxa de 50 metros, non poderá haber árbores das seguintes especies: piñeiro galego, piñeiro do país; piñeiro silvestre, piñeiro silvestre, piñeiro de Monterrey, piñeiro de Oregón, mimosa, acacia negra, eucalipto, queiruga, xesta, carpaza, fento, silva e toxo..