Nigrán contrata a 22 desempregados do municipio a través do Plan Concellos

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN

O Concello de Nigrán incorporará este luns a través da liña 3 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra a 2 albaneis e 17 peóns forestais a xornada completa durante 7 meses, deixando para o inicio do curso escolar a contratación dos 3 conserxes para os colexios públicos de Nigrán (selección esta que aínda non se fixo e que, como todas, será a través da oficina de emprego de Baiona). Todos eles son veciños do municipio que se atopaban en situación de desemprego e a súa pronta incorporación é posible grazas a aprobar a Alcaldía un decreto para poder continuar coa tramitación deste expediente a pesares do estado de alarma do Covid-19, por iso estes son os primeiros traballadores da comarca en comezar.

“Agora máis que nunca é preciso xerar emprego entre a veciñanza, é un asunto prioritario, así que realizamos todo o proceso selectivo respectando as medidas de seguridade do Covid-19 de cada momento”, explica o alcalde, Juan González, quen engade que, precisamente, despois de 2 meses cos traballos case paralizados, “precisamos a man de obra con urxencia para, entre outros asuntos, facer rozas nos camiños ou emprender reparacións”. Así, estes equipos contribuirán de xeito claro á mellora dos servizos municipais, ademais de que a súa contratación permitirá aumentar a súa capacitación profesional, o que facilitará a súa incorporación ao mercado laboral ordinario unha vez que rematen no Concello.

O proceso selectivo, que se levou a cabo a través da oficina de Baiona dentro da máis absoluta transparencia, foi acorde ás bases establecidas, dándose prioridade ás vítimas da violencia de xénero, maiores de 45 anos, persoas con familia monoparental con fillos ao seu cargo, persoas cos niveis de renda máis baixas ou ás que teñen cargas familiares.

Entre as labores que desenvolverán a xornada completa os 17 peóns forestais atópase a conservación dos bens municipais, o mantemento das estradas, camiños e roteiros en perfecto estado, poda de árbores ou arbustos, a protección do medio ambiente ou a preservación das instalación escolares ou zonas verdes. Os dous albaneis integraranse no equipo do Concello 8 meses co obxectivo de traballar na execución de elementos construtivos, o que inclúe eliminar entullo, carga e descarga de materiais, montaxe e desmontaxe de estruturas temporais, preparación de morteiros, cavar buracos, gabias, acequias… Todo elo con especial atención ao mantemento das diferentes instalacións públicas.

Finalmente, contrataranse a 3 conserxes para os colexios para desenvolver o seu traballo no reparto e recollida de correspondencia, fotocopias, escaneado, atención telefónica e presencial, colaborar cos docentes na entrada e saída dos menores, nos recreos ou nas actividades do centro. “Son postos que non están cubertos dende a Consellería de Educación e que consideramos prioritarios para un perfecto funcionamento diario nos colexios, xa que contribúen a dar un mellor servizo aos nenos e, por ende, a toda comunidade educativa”, indica González.

A elección destes tres perfís fundaméntase na necesidade do Concello de manter axeitadamente os servizos municipais nun tipo de áreas no que o persoal habitual do Concello resulta insuficiente. O obxectivo pararelo é que os beneficiarios melloren a súa capacitación e, con elo, as posibilidades de incorporarse ao mercado de traballo ordinario tras rematar no Concello.

Anuncios