A sinalización da antiga beirarrúa-bici en Praia América xera continuos conflitos entre ciclistas e peóns

All-focus

Cando Juan González accedeu á alcaldía de Nigrán eliminou a polémica beirarrúa-bici que implantara o seu antecesor Alberto Valverde, sobre o paseo que vai á beira do areal de Lourido. Para o BNG ese carril constituía un auténtico despropósito pola cantidade de atrancos que soportaba e que, na práctica, provocaba a invasión do espazo peonil por parte das bicicletas. Pero esta eliminación non supuxo a desaparición, polo menos en toda a súa lonxitude, da sinalización que o delimitaba, manténdose en boa parte do seu percorrido a liña que o demarcaba.

Segundo o responsable local do BNG, Xavier Rodríguez, o mantemento desta situación provoca innumerables conflitos entre os usuarios do paseo, xa que o libre deambular dos camiñantes vese frecuentemente alterado por ciclistas que, confundidos polas liñas que permanecen no chan, circulan por el coas súas bicicletas. “Esta problemática incrementouse particularmente durante este período de confinamento, pois ciclistas e peóns concorrían pola utilización do mesmo espazo. Isto provocou varias chamadas a concello e policía local denunciando a irregularidade o que se plasmou, mesmo, en actuacións puntuais da policía obrigando aos vehículos de dúas rodas a abandonar o paseo”.

Pero estas accións concretas non garanten que as bicicletas non volvan unha e outra vez a circular polo vello carreiro pintado para elas. Por iso dende o BNG reclaman ao goberno municipal a completa eliminación das liñas que o delimitaban, así como a colocación de sinais verticais nos puntos de inicio do mesmo informando da prohibición de circular en bicicleta, co fin de evitar malentendidos que provocan situacións tensas.

“Hai que ter en conta que coa chegada do verán son moitos os visitantes que se achegan á nosa costa e que resultan ser tamén descoñecedores deste extremo. Non queremos deixar de sinalar o noso compromiso coa mobilidade sostible e, dentro dela, a bicicleta constitúe un medio de transporte fundamental pero, neste caso, o peón é o usuario máis vulnerable, particularmente os nenos de corta idade que non poden ir soltos polo paseo ante o perigo de interpoñerse no decorrer dunha bicicleta. Neste caso a habitual inacción do goberno ten damnificados”, conclúe Xavier Rodríguez.