O PP de Nigrán insta o Alcalde a elaborar un plan de fomento do emprego

O Partido Popular de Nigrán lembra ao Alcalde, “unha vez aprobado o orzamento a base de rodete e sen atender a ningunha proposta da oposición”, que o fomento do emprego é unha das liñas de subvención do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Segundo os populares, o Concello de Nigrán, por agora, solicitou cero euros para esta liña de axuda.

O PP de Nigrán entende que na situación actual débense priorizar as necesidades básicas para os cidadáns do municipio, “e dentro destas entendemos que as obras de ampliación de saneamento ou abastecemento, así como a mellora de viarios son básicas, pero non así a restauración de sete lavadoiros por 128.959,32€”.

“Aínda que é certo que manter en boas condicións o patrimonio histórico é importante, cremos que, como faría calquera familia, o primeiro agora é atender as necesidades básicas. Moitas familias de Nigrán teñen a persoas en paro e algunhas sen percibir ningún ingreso, e é moi probable que aumente o paro en Nigrán do 14% ao máis do 24% nos próximos meses, sobre todo despois do verán”, sinalan.

Ante este panorama, e xa que unha das liñas do Plan Concellos é o fomento do emprego, esixen ao Alcalde que elabore e presente xa un Plan de Fomento do Emprego para Nigrán que permita dar traballo ás persoas que máis o necesitan. “Un plan que sexa ambicioso e que permita non só dar un emprego temporal, senón que vaia máis aló dotando ás persoas de novas habilidades para mellorar as súas expectativas laborais”.

“Se o fai, pode contar co total apoio e colaboración do Partido Popular de Nigrán, para iso, estou convencido que podemos achegar propostas que axuden a conseguir o obxectivo. Sr. Alcalde, o primeiro son as familias, o patrimonio pode esperar”, conclúe Carlos Abal.

Anuncios