O BNG de Gondomar insta a realizar test do COVID-19 a todo o funcionariado municipal

O Bloque Nacionalista Galego en Gondomar, ante o proceso de desescalada no que nos atopamos, solicita do goberno municipal que xestionen a realización de test do COVID-19 a todo funcionariado antes da súa reincorporación progresiva ao traballo presencial. Así mesmo, considera fundamental que se lle realice a proba ao persoal das empresas concesionarias de servizos municipais, a comezar polo do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), colectivo ao que non se lle fixo até agora, a pesar de traballaren no ámbito dos coidados en contacto directo con persoas moi vulnerables ao virus.

Por outra parte, a voceira do BNG, Manuela Rodríguez, denuncia a falta de información, tanto ao propio persoal municipal como á oposición, sobre cal vai ser o plan de desescalada para as distintas áreas de traballo e dependencias do concello.

Denuncia o BNG que o Alcalde, de xeito unilateral, decidiu suspender as xuntas semanais de voceiros, onde informaba do tratado nas reunións do Comité municipal de seguimento da crise do COVID. “E segue sen convocar un pleno onde dar conta do realizado nestes dous meses e, o que é máis importante, onde aprobar medidas para minorar os efectos da crise no noso concello. Ese é o talante do Sr. Ferreira, confinar ao exercicio da democracia, da transparencia na xestión, e, de paso, impedir a posibilidade de tomar acordos positivos para o pobo de Gondomar”, afirma Rodríguez.

Instar á Xunta a fornecer de máscaras á poboación de xeito gratuíto

Máis unha vez, o BNG solicita do goberno municipal que inste á Xunta, como administración con competencias en materia sanitaria e de saúde pública, a fornecer de máscaras de protección a toda a poboación de Gondomar. “Se o uso da máscara é obrigatorio, deben repartirse de xeito gratuíto para salvagardar a saúde pública, considerando que é un ben de primeira necesidade para conter a pandemia, como indica a OMS”.