Porto do Molle suma 125 empresas e 2.800 empregos

O Concello de Nigrán vén de outorgar licenza a Zona Franca de Vigo para a ampliación do parque empresarial Porto do Molle con 14 novas naves de oficinas e talleres situados nunha parcela de 10.710 metros cadrados (6.02 e 6.03) entre rúa das Pontes e rúa Montes da Barxa (fronte ao Centro de Negocios) e cun orzamento de execución de 4,4 millóns de euros. O propio alcalde de Nigrán, Juan González, comunicoullo persoalmente ao delegado de Zona Franca, David Regades, nunha reunión esta mañá no Concello.

Esta licenza súmase así á outorgada a semana pasada á Sociedad Gallega de Carretilla, S.A. para construír no mesmo polígono unha nave industrial cun orzamento de 1.861.381 €. En ambos os dous casos foi posible continuar a tramitación pese ao Estado de Alarma grazas á que Alcaldía aprobou un decreto o 13 de maio para habilitar ao departamento de Servizo Urbanos a que continuase informando sobre os expedientes esenciais ou con vontade de continuidade administrativa, como son estes dous casos.

“En só unha semana de reactivación do Servizo de Urbanismo para cuestións esenciais que non prexudiquen aos intereses dos veciños, como é o caso da información de licenzas, temos dúas moi boas novas. Estas licenzas levan aparellado xerar traballo, emprego e recursos económicos ao Concello de Nigrán, que sigue contando co Polígono Terciario de Porto do Molle como o seu gran activo”, sinala González. Actualmente Porto do Molle conta con 125 empresas instaladas na súa superficie de 1.028.780 metros cadrados e da emprego a 2.800 persoas.

Este novo proxecto, firmado polo arquitecto Pablo Menéndez (MAM Arquitectura), contempla a construción de 14 módulos (conteñen 28 talleres e 14 oficinas) que responden á tipoloxía de nave encostada e se baseen na repetición dun módulo que, nalgúns casos, sufre pequenas variacións para adaptarse ás necesidades de uso ou da contorna. O obxectivo desta proposta é ofrecer unha visión unificada e de conxunto aportando un deseño moderno, luminoso, optimista e atractivo que, en definitiva, supoña un valor engadido para as futuras empresas usuarias e visitantes. Todos estes módulos, destinados ao aluguer e de entre 300 e 500 metros cadrados, constan de espazos diferenciados: nave na planta baixa con acceso para camións, talleres na planta baixa e primeira con acceso peonil e vinculados á nave anexa para unha mellor operatividade, e o espazo dedicado a oficinas na planta segunda con acceso independente desde a zona común, onde se desenvolven os usos administrativos dos establecementos industriais situados nas plantas inferiores. Sen embargo, é un sistema flexible con gran capacidade de adaptación ao cambio, que permite mesturar e conectar naves entre si, tanto no sentido lonxitudinal como transversal para que sexa posible adaptar o espazo ás necesidades da empresa que o ocupe.

Estas dúas parcelas unificadas albergarán as 14 naves encostadas situadas no sentido lonxitudinal da mesma, cunha orientación noroeste-sureste aproveitando o viario público existente, ademais, ábrese un novo viario no interior da mesma para permitir duplicar de 7 a 14 as naves pero en orientación noroeste. Estes accesos facilitan a circulación en toda a contorna e melloran o servizo de carga e descarga.