A Xunta defende que se eliminen as franxas horarias e as limitacións ao municipio na práctica deportiva

A Xunta de Galicia defende que se eliminen as franxas horarias e a limitación de non poder saír do municipio na práctica deportiva. O Goberno galego entende que, xa na fase 1, deben levantarse estas limitacións que non están vixentes para outras actividades de tipo social, de restauración ou de turismo.

Así se abordou hoxe na novena reunión do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), que acordou elevar ao Goberno central un consulta neste sentido para que faga “unha aclaración moi necesaria” este asunto. A reunión estivo presidida polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e contou con representación da Delegación de Goberno e da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Actualmente, existen distintas prácticas permitidas sen franxas horarias e que tampouco están limitadas ao límites do municipio, xa que se permite a mobilidade dentro da provincia. De aí que a Xunta entenda que debe haber un trato igual para a práctica deportiva tendo en conta, ademais, que os horarios restrinxen significativamente a algunhas modalidades deportivas -como o surf ou o ciclismo- e provocan, á súa vez, aglomeracións ás horas nas que si se poden practicar. Segundo Rueda, “se a día de hoxe a vida social xa está máis ampliada, se se pode desprazar calquera persoa por toda a provincia e está permitido o desprazamento á segunda residencia, o que non ten sentido é que se siga obrigando aos milleiros de persoas que fan deporte todos os días a que o fagan nunhas horas concretas do día e que se teñan que circunscribir ao seu termo municipal”.

En resumo, “estamos facendo sempre un chamamento á responsabilidade da cidadanía, a que cumpra as normas e a que observe as garantías sanitarias. O que temos que ser tamén é coherentes e ditar normas que estean en consonancia co aquelo que se está pedindo”, explicou o vicepresidente.

Apertura de establecementos de máis de 400 metros cadrados

O Cecop tamén abordou medidas no ámbito comercial. Tendo en conta a progresiva recuperación da actividade comercial que se prevé para as próximas semanas, tamén se acordou deixar sen efecto o punto cuarto do Acordo do 15 de marzo, que, co obxectivo de garantir o abastecemento da poboación, establecía a liberdade horaria para os establecementos de primeira necesidade.

Así, volven estar vixentes as limitacións establecidas na Lei 13/2006, de horarios comerciais de Galicia, que fixa que só teñen liberdade horaria os establecementos de ata 300 metros cadrados (excluídos os pertencentes a empresas ou grupos de distribución que non teñan a consideración de pequena e mediana empresa), entre outras excepcións.

Ademais, na reunión de hoxe tamén se acordou pedir ao Goberno central que clarifique se os establecementos que dispoñan dunha superficie maior a 400 metros cadrados poidan reiniciar a súa actividade na fase 1 reducindo temporalmente a súa superficie comercial ata dito límite, sempre que cumpran o resto de condicionantes establecidos. Esta demanda xa foi trasladada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na última reunión co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e outros presidentes autonómicos.

Recollida de apuntamentos

Por outra banda, o Cecop acordou interpretar como situación de necesidade a mobilidade entre provincias, limitada e debidamente xustificada, para que o alumnado matriculado nalgunha das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (isto é, universidades de Santiago de Compostela, Vigo ou A Coruña) poida recoller os apuntamentos e efectos persoais no lugar no que residían ata o momento de suspensión das clases. Deste xeito, Galicia convértese na primeira Comunidade Autónoma en atender esta demanda do estudantado universitario e transmitida polas Universidades á Consellería de Educación.

Cada universidade habilitará o procedemento correspondente, emitindo certificación persoal e intransferible para a realización dunha soa viaxe, indicando a data e enderezo do aloxamento de destino. A autorización será só para os efectos da recollida e desaloxo, no seu caso, dos aloxamentos contratados para o curso 2020/21, ou a recollida de materiais nas residencias universitarias.

Reapertura de parques naturais

Tamén se procederá á reactivación da actividade cara ao público nos centros de visitantes e de interpretación e as aulas de natureza dos parques naturais e doutros espazos protexidos da comunidade. A actividade ordinaria nestas instalacións, ao igual que as visitas guiadas, levaban suspendidas desde o inicio da declaración do Estado de Alarma.

O Cecop procederá a levantar esta suspensión ao amparo da orde do Ministerio de Sanidade de 30 de abril, que regula as condicións nas que se pode realizar actividade física non profesional ao aire libre e permite “circular por calquera vía ou espazo de uso público, incluídos os espazos naturais e zonas verdes autorizadas”. A reapertura realizarase seguindo o Protocolo de medidas de prevención do COVID-19 nos centros de visitantes dos seis parques naturais de Galicia e nas aulas da natureza da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Anuncios